paridoiro

Os avances que a ciencia médica fixo ata os nosos día son tantos, que o léxico desta ciencia foise especializando a medida que na comunidade científica se facían novos descubrimentos. Estes progresos levan aparellada unha maior complexidade nos sistemas sanitarios e a día de hoxe o habitual é que un hospital teña entre as súas instalacións unha unidade de hemodiálise, un servizo de atención para os neonatos, un servizo de parasitoloxía, outro de radiodiagnóstico ou unha unidade de coidados paliativos, só por citar algúns exemplos dos moitos que hai.

Neste contexto resulta lóxico que un proceso intrínseco á natureza humana como é o nacemento dun novo ser teña tamén un lugar específico nun centro hospitalario e que sexa alí onde as mulleres poidan ser debidamente atendidas por profesionais da medicina, algo que por desgraza non sucede en moitos países subdesenvolvidos onde seguen parindo soas ou sen as mínimas garantías sanitarias. Este espazo clínico destinado a atender as mulleres durante o proceso do parto denomínase paridoiro ou sala de partos.

A palabra paridoiro é un substantivo que se forma sobre o verbo parir e o sufixo patrimonial –doiro. O primeiro deriva dun étimo latino parĕre, que xa tiña o significado de “dar a luz”, frase eufemística coa que tamén se denomina este feito natural;  e o sufixo patrimonial –doiro é continuador do latino -torium, que, aplicado a bases verbais, tiña, entre outros significados, o de ‘lugar onde se realiza unha acción’. Da combinación de ambos os dous xorde a palabra paridoiro como “lugar ou espazo dentro dunha instalación hospitalaria onde se atenden os partos”. Exemplos semellantes de substantivos derivados de verbos son palabras como invernadoiro (lugar onde cultivan plantas); ancoradoiro (lugar para ancorar unha embarcación); xerminadoiro (lugar onde se poñen a xerminar as sementes) ou lavadoiro (lugar ou pía onde se lava a roupa). Este sufixo, co mesmo significado, pero coa forma culta –torio, tamén foi utilizado na lingua galega para formar palabras como auditorio, laboratorio ou sanatorio.

No dicionario da RAG xa está recollida a voz patrimonial paridoiro cos significados de “acción de parir un animal” e tamén “lugar onde pare”. A comisión de lexicografía determinou, entre os seus últimos acordos, incorporar unha nova acepción nesta entrada do dicionario para se referir a este departamento dun hospital. O mesmo que se fará incorporando a locución sinónima sala de partos. Eméndase así unha carencia que tiña o dicionario e que coa súa nova redacción se poderá consultar na próxima actualización.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir