pexego

Antes de que remate Fructidor, o terceiro mes do verán segundo os xacobinos franceses, o da froita, ímoslle dar un repaso ao termo pexego e ás distintas variedades deste, todas deliciosas e que podemos atopar no mercado.

A orixe do pexego atopámolo no latín persìcum malum que significaba ‘mazá de Persia’. Se ollamos a nosa contorna lingüística as derivacións sobre o termo latino son maioritarias para nomear esta froita, así en portugués, pêssego; en inglés, peach; en francés, pêche; no italiano, pesco; en alemán, Pfirsich; e en catalán, prèssec. A etimoloxía da designación sinala esta froita como proveniente do leste, concretamente, de Persia, un lugar de refinamento, de onde vén tamén a palabra paraíso (que significaba ‘xardín dos reis persas’), coincidencia que aos afeccionados dos pexegos non nos sorprende.

Pero, entre os degustadores desta froita, hai quen asegura que, ao pexego e ao seu delicado sabor, supérao o da variedade chamada pavía, pavea nalgunhas formas dialectais, e que tamén leva na súa etimoloxía unha denominación de orixe: o comune de Pavie no suroeste de Francia inda que o nome desta vila procede da cidade italiana de Pavía. Esta froita de difícil cultivo e tremendamente delicada para o comercio chega con dificultade ao mercado, polo que, sen dúbida, hai que felicitar ao protagonista do exemplo que vén no DRAG ao que lla puxeron na macedonia. Convén, en todo caso, non confundir as pavías cunha variedade de pexego de pel lisa e que circula no mercado co nome de nectarina, denominación adaptada do inglés nectarine. Esta débese a unha soa mutación frecuente nos pexegos e que foi aproveitada pola agricultura.

O paraguaio é un parente deste froito que completa a lista dos básicos que podemos atopar no supermercado ou na praza. Non sabemos se realmente viñeron algunha vez do Paraguai. O certo é que, se o fixeron, foi procedentes da China, orixe biolóxica de toda a familia onde esta variante apareceu por primeira vez hai milenios e foi levada a finais do século XIX a América. Na cultura chinesa os paraguaios, chamados pántáo ‘pexegos achatados’ tiveron gran predicamento en particular os que supostamente crecían no xardín da Grande Nai do Oeste. Eran froitos da inmortalidade mais tiñan a eiva de madurar unha vez cada tres mil anos; difícil integralos na nosa dieta saudable.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir