
Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) Foto cedida © Antonio Martínez Pernas.
A Sociedade Española de Ornitoloxía SEO Birdlife elixiu no ano 2019, mediante votación popular, que a píllara sería a ave daquel ano. A píllara das dunas ou píllara papuda é o nome co que coñecemos en galego a esta pequena ave limícola que habita nos areais. Chorlitejo patinegro en castelán, corriol camanegre en catalán, txirritxo hankabeltza en éuscaro ou borrelho-de-coleira-interrompida no portugués, son os nomes que recibe nas diferentes linguas peninsulares. Segundo esta ONG, esta é a primeira vez que unha ave limícola recibe este recoñecemento. O adxectivo limícola, do latín limus (barro, lodo), caracteriza este tipo de aves porque viven en lugares lamacentos ou próximos á auga.
Baixo o nome de píllara existen diversas especies na nosa terra. Así temos, entre outras, a píllara cincenta, a píllara dourada, a píllara real ou a píllara riscada, ademais da estrela deste ano, a píllara das dunas ou papuda. Nalgúns dicionarios antigos defínese de forma xeral esta variedade de ave como “ave mariña, menor que a gaivota, pero moi fermosa”. O seu pequeno tamaño –ningunha variedade vai máis alá dos 30 centímetros- faina especialmente vulnerable, e entre as súas ameazas máis directas están a masificación das praias ou a construción masiva no litoral.
Como vemos, a denominación xeral é píllara pero vai acompañada do que podemos chamar coloquialmente un ‘apelido’ que nos dá conta dalgunha das características do seu aspecto, ben da súa forma, ben da cor da plumaxe (dourada, riscada, cincenta). Tamén nos pode dar información sobre o seu hábitat, como claramente se deduce do nome da “píllara das dunas”. Se consultamos unha guía de aves, ou en xeral os nomes das diferentes especies do reino animal, veremos que é moi frecuente empregar un adxectivo ou algunha frase para especificar e diferenciar entre as especies máis próximas.
No que respecta á orixe da palabra píllara, aínda que nun primeiro momento poidamos pensar que ten algo que ver co verbo “pillar”, a súa acentuación esdrúxula desaconsella pensar neste étimo. Sarmiento propón unha etimoloxía do latín phalāris e esta do grego ϕαλαρίϛ onde designaba un tipo de ave. Non obstante, Corominas cuestiona esta orixe pois, se ben é posible semanticamente, considera que as posibilidades de transmisión deste vocábulo serían por vía culta, o que non nos permitiría atopar unha explicación razoable para o cambio fonético. Pensa que é máis probable unha orixe onomatopeica derivada do son dos seus chíos. De ser así, este non sería o primeiro caso no que o nome dunha ave deriva da onomatopea do seu canto. Pensemos, por exemplo, no cuco ou o chaschás.