piropo

Creación a partir dunha imaxe de Freepik.

A violencia que se exerce contra as mulleres adopta múltiples formas e manifestacións. A propia linguaxe pódese converter nunha ferramenta de acoso e por iso, con motivo do 25N, imos abordar un dos xeitos máis sutís de molestar unha muller: trátase daqueles actos vexatorios por parte de descoñecidos na vía pública (prazas, parques ou medios de transporte). Hai quen non identifica estas formas de actuar como un xeito de acoso, nin como actos violentos exercidos sobre a muller. Pero as expertas afirman que son unha variante da violencia verbal e préstanlles particular atención aos piropos (palabras ou ditos amables con que se gaba a alguén) porque se perciben como un feito cultural.

Os datos do CIS sinalan que o 49,5% dos homes pensan que “sempre é agradable recibir un [piropo]”, pero máis do 60% das mulleres non o percibe así. Daquela hai unha ampla maioría que se sente incómoda ante os comentarios gratuítos dun descoñecido na rúa. Mónica López, traballadora social do CIMTM, entidade fundada en 1977 e posuidora do Estatuto de ONG da ONU, asegura que os piropos son ‘unha forma máis de violencia verbal de índole machista, ao se tratar dun acto unilateral, onde un home se dirixe a unha muller con comentarios sobre o seu aspecto físico ou frases con connotacións sexuais que a poden molestar e mesmo intimidar. Non obstante, cómpre distinguir entre o piropo e o uso do afago como mostra de agarimo entre dúas persoas que se coñecen e se respectan.

O piropo é unha voz que o DRAG define como “Palabra ou dito amable con que se gaba a alguén coa intención de agradarlle” e tamén como unha “Variedade de granate de tonalidades vermellas que se usa en xoiaría como pedra fina e tamén como abrasivo”. A palabra procede da latina pyrōpus que designaba a ‘aliaxe de cobre e ouro de cor vermella brillante’; esta, á súa vez, está tomada do grego pyrōpós, ‘semellante ao lume’, ‘de cor acendida’, adxectivo formado por pyr, pyrós ‘lume’ e ops, que significa ‘aspecto’. Na nosa lingua a voz piropo primeiro empregouse como ‘certa pedra preciosa’, logo, no ámbito literario, adquiriu o valor simbólico do ‘brillante’ pero consolidouse posteriormente como un símil que se lle dedicaba a unha muller fermosa. Indica Corominas que os estudantes deberon comezarlles a chamar ás noivas piropos, e de aí pasou á lingua da rúa, na que se fixo habitual o significado máis estendido actualmente.

Outra palabra próxima semanticamente a piropo é galantería, que se define como o “dito ou feito co que se demostra ser galante”, voz tomada do francés galanterie, onde se formou a partir de galant, que se dicía especialmente dos homes que trataban de compracer as mulleres. Cómpre sinalar que comparten orixe os termos galante “que se mostra amable e atento, especialmente coas mulleres” e galán “home que galantea ou que lle fai as beiras a unha muller”.

A denominación cortesía está rexistrada no DRAG como “regalo que se lle dá a alguén como mostra de amabilidade e atención” e tamén “calidade de cortés”. A súa procedencia está vinculada ao vocábulo latino cohors, -ortis ‘recinto’, ‘grupo de persoas’ e ‘séquito de maxistrados’, e que posteriormente pasou a designar tamén o ‘séquito que acompañaba ao rei’. E cortés era aquel que tiña o comportamento axeitado para estar e manexarse na corte. Hai aínda outros vocábulos relacionados coa idea de ponderar as calidades de alguén, como adulación, ‘loa excesiva e por propio interese’ onde atopamos un matiz negativo, mentres que gabanza, loanza, eloxio fan todas elas referencia a comentarios favorables que enxalzan a persoa.

 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir