Xa sabemos que non convén meterse polo medio cando anda a xente a labazadas, pero non podemos evitar referirnos a unha palabra que está estes días de actualidade, e que se vincula, normalmente, ao ámbito da literatura: o plaxio e o seu parente próximo, a escritura para outro.
A palabra plaxio é un cultismo que procede do termo plagiarius que remite ao concepto de ‘secuestro, en concreto, o de persoas para despois vendelas como escravos’. A acepción lévanos a unha metáfora empregada polo poeta latino Marcial, que indica nun epigrama que certo poeta (non se sabe o nome, non é por protexelo) plaxia as súas obras, é dicir, que llas rouba. A lingua ofrece un sinónimo que resulta quizais menos rigoroso que é o termo calco. E mesmo na música, cando unha melodía recorda a outra demasiado, dise, na defensa do plaxiario, que é froito involuntario da inspiración e da homenaxe.
Curiosamente a denominación frecuente do escritor que escribe textos para que outros os asinen tamén ten que ver coa trata de persoas: o nègre que na súa orixe vén sendo ‘aquel que fai o traballo máis pesado para que outros tiren os beneficios’. O contexto racista no que naceu o termo vese subliñado cando a Alexandre Dumas o acusaban de ter un escritor pantasma a quen chamaban o nègre du nègre, xa que o coñecido autor d’Os tres mosqueteiros era mulato.
A historia da literatura e da arte é, en certo grao, unha serie de variacións sobre temas que se repiten, por iso as fronteiras entre o que é lícito e o que non son difusas, como tamén é vago e subxectivo o grao de orixinalidade dunha obra. Se tomamos como referencia o teatro, un grande autor como Terencio pasou á historia adaptando obras gregas e en Shakespeare, para moitos o máis importante escritor de todos os tempos, dificilmente se pode atopar un argumento orixinal. Pero que isto non sirva de escusa: mentres o plaxio literario é un concepto máis subxectivo, o plaxio académico ou científico é bastante máis obxectivo, sendo inadmisible a incorporación de texto ou ideas sen cita do orixinal do que proceden.
A carón do escritor fantasma ou negro está o corrector de estilo que é unha práctica xeralmente admitida. Curiosamente Voltaire denominaba este oficio, que el practicaba e no que seguramente ía máis alá da estrita corrección, branquear a roupa sucia. Concretamente, dicíalle a un dos seus clientes: “Teño moita roupa sucia que branquear do Rei, terá que agardar pola súa.”
A pista desta historia de Dumas e máis a de Voltaire déunola o libro “Petit histoire des mots d’esprit cèlébres”, que non se diga…!