plebiscito

Eleccións plebiscitarias é unha expresión que se mantivo permanentemente nos medios de comunicación á volta do verán de 2015. Como resulta evidente, plebiscitarias deriva de plebiscito engadíndolle a terminación –ario ou –aria, que se emprega para crear adxectivos. A palabra orixínase nas votacións dos plebeos da antiga Roma que primeiramente só lles concernían a eles, pero que pasaron posteriormente a ser un sistema de toma de decisión colectiva no que participaban todas as persoas consideradas cidadás, é dicir, a plebe mais os patricios.

O termo plebiscito vén do latín plebiscitum (ou plebiscitus), composto de plebs, -is, que significa 'xente' (de aí, plebe ou plebeo), e de scitum, 'decreto', participio do verbo sciscere, que significa 'votar, dar a aprobación'.

Se lles botamos un ollo aos dicionarios, tanto ao noso coma aos doutras linguas, descubriremos que plebiscito mantén unha relación algo confusa coa palabra referendo, sendo ás veces esta relación leve (require un cf., hai que confrontar), especialmente nos estados que teñen como base o dereito latino. Noutros casos, polo común nos países de cultura anglosaxoa, a sinonimia pode ser total. Cambiando de fontes, indo ás enciclopedias e ás referencias do ámbito do dereito latino, é onde percibimos diferenzas máis contrastadas, xa que mentres o referendo se entende como unha consulta que se lle fai á cidadanía para recoller a súa opinión respecto dunha norma ou proceso expresados nun texto legal, o plebiscito interpelaría a poboación sobre un determinado tema para adoptar despois medidas executivas e lexislativas. É dicir, no referendo hai unha lei ou decreto que se aproba ou rexeita, mentres que no plebiscito se opina sobre unha realidade da que aínda non hai normativa.

A palabra referendo tamén chega do latín, de referendum, creado sobre o verbo refero, ‘volver levar, traer de volta ou levar para atrás’ querendo expresar que se lle dirixe algo de novo ao pobo para que decida. No caso de aprobarse, dise que se referenda a proposta, e aínda que a palabra é de orixe ben antiga o seu uso comeza no século XVI en Suíza, momento e lugar no que se celebran os primeiros referendos.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir