
Imaxe de Tumisu en Pixabay
A radio converteuse no medio de comunicación máis relevante do século XX. Foi o froito da necesaria evolución do telégrafo e do teléfono, dado que estes permitían chegar a información a moita distancia; pero coa limitación de que requirían a instalación de cabos e unha infraestrutura concreta para a emisión e a recepción das mensaxes. Este inconveniente leva a investigar como se podería transmitir mensaxes de voz sen cabos e xorde a radiocomunicación (a telecomunicación realizada por medio das ondas radioeléctricas) a inicios do século XX.
As emisións comerciais comezaron en 1920, en Bos Aires, coa transmisión dunha ópera desde o Teatro Coliseo; mentres que, en Detroit, á mesma altura, se iniciaban as retransmisións de carácter informativo. A partir deste momento o seu éxito foi enorme, e a radio converteuse nun elemento fundamental nos fogares, xa que daba acceso ás novas informativas, á música e a programas de entretemento. Durante os períodos bélicos informaba sobre a evolución dos conflitos e, tamén, difundía propaganda, foi o que se denominou a batalla das ondas. A aparición dos transistores trouxo unha radio transportable a calquera lugar e accesible a calquera hora do día. A oferta de programas aumentou e diversificouse, aparecendo o teatro radiofónico, os concursos, as radionovelas ou as retransmisións deportivas… A finais do século pasado a dixitalización permitiu a transmisión por satélite, e as estacións de radio en liña fixeron posible ter unha audiencia global e acceder a infinidade de emisoras de todo o mundo.
A comezos do 2000 aparece unha innovación tecnolóxica que facilitaba que os e as oíntes puidesen recuperar unha emisión dun programa en diferido; poñíase fin a unha limitación da radio orixinal, a necesidade de seguir os contidos en directo. Xorden os pódcasts, que son “arquivos de audio ou multimedia, xeralmente de publicación periódica, que se almacenan en liña para facilitar a súa descarga e reprodución por parte dos usuarios”. Foron dos primeiros formatos adaptados á era dixital. Eran segmentos de audio do máis interesante dun programa ou o propio programa, que se colgaban nas páxinas das emisoras de radio e que os oíntes podían descargar á súa conveniencia. Na actualidade hai contidos creados en exclusiva para emitir nestes formatos.
O termo pódcast escríbese con acento gráfico e é a adaptación do vocábulo inglés podcast, creado en 2004 polo xornalista do diario The Guardian, Ben Hammersley, que o formou mediante a contracción da denominación comercial iPod -o lector portátil máis popular creado pola empresa estadounidense Apple, que lles permitía aos usuarios descargar ficheiros de audio-, e o termo broadcast, que significa ‘transmisión’ ou ‘difusión’. En 2012 un teléfono intelixente incorpora unha aplicación cunha serie de contidos pódcast orixinais de temas xornalísticos de investigación. Desde aquela o xénero evolucionou e adquiriu diferentes formatos: conversacións temáticas, resumos informativos de asuntos relevantes pero contados á audiencia de modo próximo, ou contidos da cultura popular (series de televisión). Deste xeito en 2017 a prensa convencional súmase a este formato cando, desde as súas webs, publican un par de novas relevantes audibles, mais baixo unha feitura fresca e atraínte para que os e as máis novas se acheguen a elas.
Neste momento en que vivimos desconfiando dos medios de comunicación e medra a difusión de alburgadas, un servizo de pódcast ben documentado ofrecería unha alternativa para estarmos informados e documentados de xeito serio.