polímata

Hai persoas que destacan pola súa capacidade para aprender e conseguen integrar saberes de múltiples ámbitos, demostrando un entusiasmo polo coñecemento que non se limita ao enfoque da especialización, tan privilexiado hoxe en día. Polímata é a palabra máis precisa cando se quere falar destes individuos de cultura extensa, que en moitas ocasións se moven con idéntica soltura tanto no ámbito das ciencias coma no das humanidades, ao tempo que incluso poden cultivar a súa creatividade na expresión artística. 

 

Aínda que hoxe en día todos escoitamos falar de nove musas, na antiga cidade grega de Sición recoñecíanse apenas tres, ás que se  lles atribuía a inspiración dos creadores así como a custodia das artes e as ciencias, polo que podemos imaxinar que unha delas, de nome Polimatía, quixo acompañar desde o berce a Víctor Said Armesto (Pontevedra, 1871 – Madrid, 1914), quen con oito anos –cando se traslada a Bueu– xa se botaba a ler os filósofos alemáns. De feito, son contados os que encaixan tan ben coma el no perfil do polímata –o ideal do homo universalis renacentista–, que se enchoupa do saber como actitude vital. Foi xornalista, escritor e poeta e tamén se apaixonaba coas notas musicais, recolectaba cantigas tradicionais, participaba na Tuna Clásica compostelá, compuxo unha zarzuela e desde mozo era asiduo das festas populares e as asociacións de canto e danza. O polímata Said Armesto gustaba de traballar coas palabras e deixou feitas numerosas fichas léxicas e anotacións cumpridas para un futuro dicionario etimolóxico. Foi, tamén, o primeiro catedrático de lingua e literatura galego portuguesa da nosa historia e ademais etnógrafo, musicólogo, lexicógrafo, profesor, filósofo, xornalista, orador, tuno, zarzuelista, compilador, precursor e galeguista. Tamén foi un dos promotores, canda os seus colegas Manuel Murguía e Casto Sampedro Folgar da Real Academia Galega.

 

Said Armesto era sen dúbida un polímata, termo que non está recollido polo de agora no Dicionario, nin aparece na maior parte dos traballos lexicográficos, e tampouco conta cunha tradición extensa nin na oralidade nin na escrita –de feito non puidemos localizar exemplos de uso nas bases de textos consultadas–. Con todo, é unha palabra conforme cos modos de evolución do léxico propios da nosa lingua, que non presenta maior conflito, no que se refire á súa morfoloxía, para formar parte da norma. Como cultismo a súa adaptación é mínima desde o étimo polumathés, -és, que na lingua helena significaba ‘quen sabe moito’ –a partir do substantivo polumátheia, as ‘gran saber’–. Non é unívoca a adaptación da terminación en latín polo que esta variación tamén se mantén no romance: polímate, polímata, polímato, sendo esta a primeira forma documentada en textos portugueses. O antepositivo poli– (de polús, pollé, polú) atopámolo en moitas outras palabras sempre para expresar ‘múltiple’, ‘numeroso’ ou ‘diverso’, como en polifonía, polinomio, politraumatismo ou polígrafo. De por parte, o polímata tamén está relacionado na súa base morfolóxica co grego máthema, mathématos ‘estudo, ciencia, coñecemento’ –derivado de mathano ‘aprender, estudar’–, de onde vén a matemática.

 

Cando agora, en 2014,  é o centenario do pasamento de Said Armesto, varias entidades e institucións –entre delas, un dos promotores do Portal das Palabras, a Fundación Barrié, que desde 1992 custodia os seus fondos–, programan diferentes actividades para dar a coñecer a súa vida e obra. Recoñecer o traballo do polímata pontevedrés é tamén o sentido deste Mira que din!
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir