precuela

Seguimos sen saber quen somos nin onde imos, pero polo menos desde 2005 xa coñecemos as orixes de Luke Skywalker e comprendemos a mítica confesión de Darth Vader (anteriormente Anakin Skywalker, ou Ani para os amigos): “Non, eu son o teu pai”.

A Guerra das Galaxias abriu a veda para un xeito de facer as cousas que está a ser todo un éxito no audiovisual: a produción de precuelas, ou sexa, os episodios realizados con posterioridade a unha obra central e cuxo contido a precede.

O termo é a adaptación do neoloxismo inglés prequel que se documenta, segundo o dicionario Oxford, desde mediados do século XX, inda que o uso se fai recorrente a partir dos anos 70. A etimoloxía do termo inglés é curiosa porque se creou co prefixo pre– e unha raíz quel, coma se se tratase dunha correlación do termo sequel, ‘narración duns feitos consecuencia da historia orixinal’, crendo que esta era unha palabra derivada formada polo engadido dun prefixo se-, cando en realidade é un lexema procedente do latín sequela ‘consecuencia ou seguimento’. Este mesmo procedemento deu lugar a outros neoloxismos relacionados en inglés, como midquel e interquel, cun significado igual de deducible.

Precuela é un termo necesario para cubrir a existencia dun concepto novo e de uso crecente. A adaptación do anglicismo é preferible a outras alternativas como episodio antecesor (ou propostas baseadas en anterior, previo ou precedente), que non deixan claro que estamos falando dunha creación posterior á obra central. Tamén temos predilección por precuela fronte a preludio, “aquilo que precede a algunha cousa ou que constitúe o seu inicio”, que disimula a referencia á continuidade do fío narrativo. Para alén disto, esta escolla é a solución coherente coas linguas da contorna, que tamén optan maioritariamente pola adaptación ortográfica do anglicismo:  atopamos en catalán preqüela; castelán precuela; francés prequel e préquelle (que convive coa proposta antépisode), en italiano prequel e en portugués prequela.

Que a forza estea convosco!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir