preferente

O tema das preferentes aparece en moitas das noticias actuais, desde o futuro de moitos bancos que as comercializaban e que agora non poden responder ás súas obrigas de pagamento e a perda do diñeiro dos aforradores que dependían delas ata os estamentos de inspección, consumidores e políticos que permitiron a súa comercialización.

Orixinariamente procede do inglés preferred stocks, e aquí as súas denominacións comerciais son variadas: valor preferencial, acción preferencial, acción de preferencia ou participación preferente. Son valores emitidos por unha entidade sen implicar a entrada no seu capital nin dereito de voto, un instrumento de renda variable normalmente sen vencemento e con baixa liquidez. O seu nome procede de que os seus investidores teñen preferencia de cobro sobre os accionistas (non sobre os acredores ou os bonos) , aínda que está normalmente condicionada á obtención de beneficios por parte da entidade.

Preferente procede do verbo preferir, orixinado no latín en última instancia como combinación da preposición pre- e o verbo ferre, 'levar'. O seu uso na lingua estendérase ata o de agora a acepcións deportivas (unha categoría ou división rexional do fútbol), matemáticas (como a serie numérica de Renard) ou comerciais (tipo de billete nos avións, xunto con turista e business). A súa admisión con esta nova acepción non presenta problema, pois é un novo uso para unha palabra xa sancionada polo DRAG e ademais a conversión dun adxectivo en substantivo é algo completamente normal na nosa lingua.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir