procrastinar

Procrastinar é unha desas palabras orixinadas no latín en que deducimos facilmente o seu significado atendendo ás partes que a forman: comeza co prefixo pro– ‘cara a adiante’ e continúa cun derivado do adxectivo crastinus, ‘relativo ao mañá’, á súa vez do adverbio cras, que podería traducirse por ‘[o día de] mañá’, significado que mantivo nalgúns romances en época arcaica –por exemplo, no galego-portugués cras– pero que non sobreviviu como palabra independente na lingua moderna. No Dicionario, “procrastinar” aparece etiquetado como sinónimo literario de aprazar (e “procrastinación” de “aprazamento”).
Nos últimos anos, percíbese unha revitalización do uso desta palabra, probablemente por influencia do inglés norteamericano (procrastinate, procrastination) e quizais tamén polo obsesivo mandato de produtividade e inmediatez do mundo actual, que implica a falta de capacidade para xestionar os nosos tempos. Isto supón que poidamos optar pola solución aparentemente máis doada, que sería fuxir cara a adiante (pro-) e deixar asuntos para mañá (cras), adicándonos a actividades que non resolven senón que adían o problema. As persoas que se instalan permanentemente nesta situación poden xerar un trastorno de comportamento que posiblemente provocará estrés, ansiedade, sensación de culpa e frustracións.

Cómpre lembrar que procrastinar –en fase de trastorno ou non– é produto dunha actitude, polo que asumir prácticas adecuadas axuda a evitar o que de sempre se chamou “enredar” ou “perder o tempo” e así poder aproveitalo tanto para o traballo coma para o lecer.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir