
Nun momento de crise coma o que estamos padecendo, é difícil atopar un espazo liberado do incesante bombardeo de noticias referidas á desfeita económica. A prima de risco, os desafiuzamentos e a altísima taxa de desemprego, consecuencia, entre outras razóns, do fracaso de numerosos negocios e proxectos empresariais. Un dos últimos exemplos, o da gravísima situación do xigante pesqueiro Pescanova, que se enfronta a unha débeda que a pon nunha situación moi perto da quebra técnica. Perante o desastre, semella que practicamente a única alternativa á liquidación da empresa, o que suporía un dano económico irreparable para Galicia e o seu tecido produtivo, é a quitación de boa parte deste débito e a restruturación da compañía galega.
Quitación é a remisión dunha débeda ou parte dela que o acredor lle concede ao debedor. O substantivo fórmase por un procedemento de sufixación recorrente en galego a partir do infinitivo quitar, que ten unha base etimolóxica bastante transparente no latín quitare. Este verbo é por súa vez unha alteración do clásico quietare, 'facer descansar, tranquilizar'. Malia que nos máis dos medios de comunicación están optando por empregar a forma *quita, o máis correcto en galego é a solución quitación, documentada desde o século XIII.