
Dise que no final da vida de Cervantes non faltaron as penurias e que os seus contemporáneos non souberon apreciar a transcendencia e alcance da súa obra. Tamén, para moitas das persoas que admiran a súa figura, semella impropio dun autor do seu renome o tratamento dos seus restos ou o, aparentemente, pobre nivel da conmemoración do seu cabodano. En calquera caso, a relevancia do seu legado está por riba de circunstancias como o tempo ou o lugar e invita a que gocemos da súa xenialidade.
Está estendido que foi o 23 de abril de 1616 cando morreron Cervantes e Shakespeare e daquela, para o establecemento dunha data que festexase a literatura, tomouse como referencia a do pasamento dos dous escritores, considerados os máis grandes de todos os tempos. Que esta sexa a exacta ou non é o de menos porque do que se trata é de celebrar e gozar con dous autores universais.
O 23 de abril é o Día do Libro como homenaxe a Shakespeare e Cervantes
Un quixote é basicamente unha persoa idealista ou visionaria, e nesa liña vai a definición que do termo ofrece o Dicionario da Academia, moi semellante á doutras obras de referencia, como por exemplo o dicionario Oxford. E, aínda que a primeira descrición nola proporciona o seu propio escudeiro dentro da novela, o sentido que lle damos hoxe en día ao termo débese principalmente ao enfoque dos críticos ingleses, que aló polo século XVIII apuntaron a conveniencia de interpretalo como símbolo de nobreza e non unicamente como un personaxe cómico que provoca hilaridade cos seus desaguisados, interpretación que prevaleceu no sucesivo.
Pode que non fose casual este feito, xa que inglesa é a primeira tradución que se fixo da novela, aló pola segunda década do século XVII, pero tamén a que se considera a primeira gran biografía do autor e mesmo a primeira edición crítica importante. Nós mesmos, grazas a un equipo de tradutores onde figuraba Xela Arias, temos unha versión en galego de Don Quixote da Mancha que se publicou en 1988. Á parte da lingua de Shakespeare, outros idiomas acabaron incorporando a palabra, ben coa forma quixote ou con adaptacións, ao tempo que se ía facendo universal o personaxe de Cervantes do cal se orixinou. Tanto, que mesmo se di que eclipsou o seu autor.
Sobre as motivacións do escritor á hora de escoller este nome, que, de acordo coa novela, ocupou a mente do fidalgo durante oito días, a máis estendida e aceptada delas é que teña que ver cunha parte da armadura denominada en época antiga cuxot, tomado, dinnos os etimoloxistas, do catalán cuixot, que era a peza que cubría a coxa, en catalán cuixa. Como facilmente se deduce pola forma, tanto a nosa coxa coma o resultado do catalán proceden do mesmo étimo, o latín coxa, -ae, que designaba inicialmente o óso da cadeira e logo pasou a aplicarse, tal como facemos con coxa, para a parte da perna que se corresponde co fémur, entre a ingua e o xeonllo.
Aqueles que dubidan de que a principal motivación fose a peza da armadura apóñenlle a esa hipótese que xa estaría en desuso na época en que se escribe a novela, pero isto non parece un argumento en contra, xa que na obra dise que o protagonista aproveitou para transmutarse en cabaleiro andante restos de armaduras que gardaba dos seus devanceiros, co cal xa se lograría un efecto cómico polo anacrónico da súa vestimenta. Ademais, el manifesta a súa preferencia polas armas tradicionais fronte ás máis modernas naquela época, que utilizaban a pólvora. Escollería o nome de algo xa anticuado para o momento, pero de maior dignidade, segundo o seu criterio.
Outro detalle que non pasou desapercibido para os estudosos é a terminación en –ote, que tamén para nós ten matiz despectivo á vez que funciona como diminutivo, como se pode ver en casos como “pequenote” ou “brutote”. O autor puido xogar con este matiz outorgándolle ao personaxe un nome ridículo, totalmente oposto á intención grandilocuente dos protagonistas dos libros de cabalaría. Pero tamén hai quen viu nesta terminación un parentesco co Lanzarote artúrico e mesmo outros heroes de menos sona.
Nos abundantes estudos sobre a obra houbo quen apuntou outras posibilidades: que se tomase do nome dunha peza de roupa propia dos mouriscos, que teña raíces xudías, que encerre reminiscencias homéricas ou connotacións sexuais, por exemplo, calquera destas opcións con poucos seguidores. O que parece descartarse é que se trate unicamente da deformación do apelido auténtico dado á familia no relato (Quijano ou Quijana).
En conclusión, de estar na base do nome o cuixot catalán, poderiamos pensar que de alí partiu a orixe do personaxe e curiosamente tamén a súa acabación, pois na praia de Barcelona ten lugar a sentida derrota que o leva a retirarse de cabaleiro andante.