raqueiro, -a

Imaxe de Enrique Meseguer en Pixabay

Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra son denominacións territoriais tradicionais, todas elas documentadas na prosa notarial galega a partir do século XIV. Porén, desde finais do século XIX, comezouse a empregar outra nomenclatura Costa da Morte. Topónimo froito dunha creación xornalística debido aos numerosos naufraxios de buques no noso litoral. A prensa británica recorría á expresión Coast of Death para sinalar as costas máis perigosas onde afundían as súas frotas. Algunha das cabeceiras de periódicos galegos e destacados escritores adoptaron a mesma locución para nomear as costas de Fisterra e proximidades; é o caso de Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán ou o diario da Coruña El Noroeste que, en xaneiro de 1904, cando informou do afundimento de varias naves abre a nova baixo o titular: “Siniestros marítimos. Tres buques naufragados. La costa de la muerte”, e de aquí ata hoxe.

Non obstante, o aumento da navegación polo devandito litoral remóntase ao auxe das peregrinacións a Compostela e debido a este incremento tamén soben os naufraxios. Un indicador disto todo é que o rei Fernando II conceda o porto de Noia á mitra compostelá en 1168. Aínda que a vila conserva o dereito de quebras, (ius naufragii), que lles outorgaba ás poboacións e aos señores feudais da costa a potestade de beneficiarse da recollida dos restos dos posibles naufraxios acontecidos no seu litoral. Trátase dun beneficio legal incluído noutras lexislacións: droit d’épave en Francia e right of wreck en Inglaterra. O DRAG recolle isto no termo crebas como os “restos de naufraxios ou cargas dos barcos que o mar arrastra ata a costa”.

Ao redor destes sucesos aparecen lendas sobre bandas organizadas en Cornualles para a pillaxe dos restos do afundimento de navíos e mesmo o asasinato dos náufragos para roubarlles as súas pertenzas. A partir de aí, xorden relatos semellantes noutros lugares con costas abruptas. Nas fabulacións de orixe galega aparecen os raqueiros, as “persoas que provocan o naufraxio dunha embarcación, xeralmente atraéndoa cara á costa mediante sinais falsos, para aproveitar as crebas”. Segundo o investigador Jesús Ángel Sánchez García, que estudou os naufraxios na zona comprendida entre A Coruña e Noia, a definición lexicográfica obedece máis á lenda que á realidade. Este asegura que non se atopou documentación que certifique que houbo varamentos provocados por manobras perversas desde terra. O substantivo raqueiro, -a ten unha orixe incerta. Crese que garda relación cos vocábulos rake (inglés), raken (neerlandés) e raka (islandés) e todos eles significan ‘recoller (algo) cun angazo’  e de aí crearíase unha acepción especializada relacionada  co feito de recoller obxectos perdidos na costa. A voz raqueiro conta con equivalentes localizados nas costas europeas, onde se producían naufraxios e se apañaban os restos de valor que aparecían nas beiras: en Cantabria eran raqueros, en territorio anglosaxón wrecker ou beachcomber, e no litoral francés utilizábase a locución ramasseur d’épaves.

Outras denominacións referidas ás persoas que cometen actos delituosos son pirata, corsario, bucaneiro ou filibusteiro. Pirata é o “bandido que percorre os mares para asaltar e roubar navíos”,  termo que nos chega desde o latín pirāta, mais remite ao grego peirats, derivado do verbo peirân ‘atacar, asaltar’. Outro delincuente autorizado é o corsario “navegante que coa autorización do seu goberno se dedica a atacar e saquear navíos doutros países”. Detrás da voz está a palabra latina cursus que significaba ‘carreira’ e que se vincula co permiso para ir correndo a abordar as naves do adversario. Bucaneiro e filibusteiro son voces que fan referencia ao mesmo concepto, pero en desuso, e que se referían aos que actuaban nas Antillas nos séculos XVII e XVIII. Ambos os dous termos teñen a súa orixe na lingua francesa boucanier e flibustier, respectivamente.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir