rastafari

Selos en Mozambique polo setenta aniversario de Bob Marley

2016 é un ano de aniversario para os rastafaris. Este movemento chámase así en honor de Haile Selassie, emperador de Etiopía, a quen vían como unha encarnación de Deus que ía liberar os africanos e devolvelos á terra prometida (Sion), para eles situada no país onde Selassie imperou. No rastafarismo está presente unha marcada compoñente espiritual relacionada coas relixións xudaica e cristiá, mais tamén contén un fondo sentido de reivindicación social na denuncia da discriminación histórica dos negros.

 

Prendeu en Xamaica, entre as clases menos favorecidas, nos barrios marxinais e nas zonas rurais. As ideas do movemento eran en boa medida as de Marcus Garvey, xornalista e axitador de orixe xamaicana, que fundou en 1914 a Asociación Universal para a Mellora do Home Negro (UNIA) e, dous anos máis tarde, o periódico Negro World. Nas súas multitudinarias proclamas, Garvey falaba das dramáticas consecuencias da segregación racial que sufrían as mulleres e os homes negros, descendentes dos antigos escravos africanos, espallados por América e Europa, e da necesidade de retornar á súa terra de orixe: “África para os africanos” era o seu lema. Nun destes actos públicos, nos anos vinte do século pasado, prognosticou a inminente proclamación dun rei negro: “Mirade para África, un rei negro vai ser coroado porque o día da liberación está preto” foron as súas palabras e, en 1930, Haile Selassie I alzouse como emperador de Etiopía.

 

Selassie nacera no ano 1892 e o seu verdadeiro nome era Tafari Makkonen Woldemikael. De pequeno, era coñecido como Lij Tafari –o neno Tafari–. De seus pais, ambos os dous de estirpe nobre, aprendeu amhárico, unha lingua da familia semítica, oficial no corno de África, na que a palabra tafari significa ‘o que debe ser respectado’. O mesmo ca seu pai, cando tiña algo máis de vinte anos, foi nomeado gobernador da rexión, e recoñecido por este motivo co título de ras, ‘o xefe’ ou ‘a cabeza’. Cando o Ras Tafari se converteu en emperador, pasou a ser definitivamente a figura de culto dos rastafaris, e o único ‘rei de reis’ recoñecido por eles, renegando da coroa británica e das autoridades gobernamentais xamaicanas, polo que foron perseguidos con violencia e presos moitos dos seus líderes.

 

A chegada a Xamaica de Selassie, o 21 de abril de 1966, para encontrarse cos rastafaris deulle nova vida ao movemento, debilitado por décadas nun contexto político e económico difícil, ao que tamén axudou a declaración de independencia xamaicana en 1962. Na actualidade, calcúlase que a comunidade rastafari conta con aproximadamente un millón de membros, e bastantes máis simpatizantes e seguidores, que superan con moito os límites da illa. Os rastafaris provocan atracción e interese, á parte de polos seus principios, debido á súa peculiar estética –na forma de vestir ou peitear o cabelo– e mais polo éxito da música reggae, co mítico Bob Marley á fronte, que lles serviu de proxección en todo o mundo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir