Medir é comparar, como o é tamén definir: por esa vía andamos polo mundo vendo cousas grandes e pequenas, dunha ou outra cor, boas e malas, exóticas ou habituais. Animais, plantas e todo o que se nos ocorra está no fondo definido a través dunha referencia sen fin. Podería pensarse que a ciencia da física era unha excepción pero non o é, inda que polo seu carácter as comparacións teñan que ser máis precisas. Desta maneira un venerable cilindro de platino iridiado (o quilo), que dende 1889 viña prestando os seus servizos en Versalles, preto de París, foi substituído pola comparación cunha constante universal, a constante de Planck, que ademais emparenta esta unidade coa de lonxitude e a de tempo. Os efectos deste troco son varios no mundo da física pero practicamente inexistentes para a vida cotiá.
Os cambios aprobados por unanimidade e vixentes a partir do vindeiro 20 de maio de 2019 afectan ademais ao ampere que era ‘a corrente que entre dous condutores infinitos a un metro no baleiro exercían unha determinada repulsión’. Agora descríbese en función da carga eléctrica e do segundo. Se con anterioridade o Kelvin dependía do punto triplo da auga (presión e temperatura na que a auga pode manterse nos tres estados sólido, líquido e gasiforme) e se especificaría axiomaticamente, dende maio será unha medida dependente da constante de Boltzmann, do metro, do segundo e do quilogramo. O mol antes era o número de átomos de carbono 12 que había en 12 gramos, mentres que agora se explica coa constante de Avogadro (en unidades/mol, creada mediante o número de Avogadro).
O ampere (preferible a amperio) recibe o seu nome do matemático e físico francés André-Marie Ampère, pai da electrodinámica. O Kelvin ou unidade Kelvin toma a denominación de William Thomson, primeiro barón de Kelvin, norteirlandés que defendeu a necesidade dunha escala termométrica absoluta. Aínda que de xeito impreciso se chama comunmente grao Kelvin porque a súa magnitude coincide co grao Celsius (tamén doutro nome de persoa, o sueco Anders Celsius), pero comeza na temperatura máis baixa posible, o chamado cero absoluto. O termo mol procede do alemán Mol, acuñado por Wilhelm Ostwald a partir da palabra latina molecula, en alemán Molekül, Por último, o quilogramo ou quilo é a única unidade creada mediante un prefixo, e procede do grego χίλιοι (‘mil’) e mais γράμμα (que no latín tardío deu gramma para ‘pequeno peso’). Foran acordadas na Revolución Francesa como o gramme e kilogramme substituíron aos equivalentes grave e gravet.
Aínda que non faltan críticas, as novas definicións presentan a avantaxe de que dependen de valores numéricos definidos e constantes físicas universais, non dun padrón gardado en París que cambia de masa ou da rotación da Terra que vai mudando cos séculos (e o mesmo para o meridiano, que precisaba o metro). Isto permite a súa reprodución en calquera lugar do mundo (e do universo) sen recorrer a medicións relativas que o único que fan é aumentar a incerteza. Mais se tendes un cilindro de platino iridiado que pesa un quilo non o tiredes, ademais de ser un bonito recordo, ideal como calcapapeis, seguirá pesando case, case o mesmo que o ano pasado.