refuxiados e exiliados

O medo é un mecanismo de defensa co que respondemos ante as situacións adversas. Os conflitos armados producen moito pavor e o noso instinto dítanos poñérmonos a salvo, se podemos, claro! A actualidade fainos sentir o arrepío da guerra e das súas consecuencias, o medo, a incerteza e a fuxida. O que lles acontece a Ucraína e aos seus habitantes lévanos a rememorar o que sucedeu aquí no inicio do século XX tras o golpe de Estado e do que foi infortunada vítima Florencio Delgado Gurriarán, o noso homenaxeado do Día das Letras 2022, que socorreu os refuxiados e se converteu en exiliado.

Na Sociedade de Nacións xorde a necesidade de darlles acollida ás persoas forzadas a marcharen dos seus lugares de orixe como consecuencia da Primeira Guerra en Europa. Logo, ao rematar a Segunda, nace ACNUR, un organismo para gorecer as persoas que fuxían da guerra. Unha asociación creada para un período de tres anos, pero que aínda hoxe non deixou de ter traballo, nin persoas ás que atender como as ucraínas e ucraínos que, dun día para o outro, se viron nunha guerra e cun país destruído. Son as últimas persoas refuxiadas (das que temos coñecemento) obrigadas a escapar da súa terra para outras de acollida.

Disto algo sabía Florencio Delgado Gurriarán, que se viu obrigado a escapar pola fronteira ourensá cara a Portugal pola súa involucración activa durante a Guerra Civil. Logo, xa desde a zona amiga (Barcelona), axudou os refuxiados republicanos a chegaren a Francia, e desde alí organizou a saída dos que estaban nos campos de internamento, e a del mesmo, cara a América, no seu caso, a México. A Guerra Civil española levou ao exilio (expulsou) a case un millón de persoas. Moitas delas eran galegos e galegas, como Castelao que foi para a Arxentina ou como Florencio que fixo a súa vida en México, país que tiña unha lexislación favorable para a acollida dos exiliados, refuxiados por motivos políticos.

Estamos ante dúas accións que se complementan. Por unha banda, temos o vocábulo refuxiar que denota “darlles refuxio ás persoas”. Doutro lado xorde o verbo exiliar que significa “expulsar as persoas da súa patria por motivos políticos, con prohibición de volver a ela”. O resultado destas dúas accións os exiliados e os refuxiados.

Os refuxiados e as refuxiadas son as “persoas que se viron obrigadas a abandonar o seu país por causas políticas, unha guerra, unha catástrofe etc.”. A palabra procede da latina refugium, cuxo significado é ‘asilo’ ou ‘refuxio’, que se crea a partir do verbo fugere, desde a forma popular fugire, que explica os resultados nas diferentes linguas románicas, incluído o noso fuxir. A partir desta voz, ao engadírselle o prefixo de reforzo re-, o verbo resultante é refugere que asume un valor semántico específico, ‘salvarse retirándose’, ‘marchar para un lugar seguro’. Hoxe, os movementos de poboación dos refuxiados inclúen non só persoas opositoras a un determinado réxime político do país de orixe, senón tamén persoas que escapan das consecuencias destrutivas dos conflitos bélicos e que contan retornar aos seus fogares unha vez que remate a confrontación.

Tras a frase refuxiado político atopariamos os exiliados e as exiliadas. Aquelas persoas que non poden retornar á súa terra de orixe e non lles queda máis remedio que fuxir, xa que a permanencia no seu país implica un risco para a súa integridade física, e tamén para a súa familia, motivado pola súa actividade pública comprometida no eido político, sindical, cultural ou profesional e que resulta contraria aos postulados do réxime ou bando imperante no lugar de onde se foxe. A palabra exiliar procede do latín tardío exiliāri que significaba ‘vivir no desterro’, que remite ao latín clásico exsilio que significaba ‘saltar fóra’, ‘brotar’ ou ‘saír correndo’. Do mesmo xeito, exilio remite a exsilium, que significaba ‘desterro’ ou ‘lugar do exilio’. Aínda que, na actualidade, nos pode resultar un termo común, o seu uso era infrecuente ata principios do século XX, xa que ata daquela se prefería a palabra desterro. Segundo Joan Coraminas a voz foi recuperada a partir do ano 1936 por influencia do catalán exili e do francés exil. Un equivalente moderno posterior é expatriar e os seus derivados.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir