
A ONU decidiu que 2015 sería o “Ano Internacional da Luz” por varios motivos, entre os que está celebrar o centenario da presentación da Teoría Xeral da Relatividade nunha conferencia pronunciada polo home que a desenvolveu, Albert Einstein.
A palabra relatividade é un substantivo derivado do adxectivo relativo, “que só pode ser definido en referencia ou relación a outra cousa”, en oposición a absoluto. Relativo procede á súa vez de relatus, participio pasivo de referre, ‘traer de volta’, de re-, ‘outra vez’ e ferre, ‘levar’. Esta definición, tirada do Dicionario, explica perfectamente o nome dun sorprendente principio que a filosofía viña intuíndo ao longo da historia: dous observadores poden percibir visións diferentes –aínda que as dúas reais e posibles– do mesmo feito, sendo esas visións dependentes do movemento de quen observa.
Na ciencia, o principio de relatividade foi enunciado explicitamente por primeira vez por Galileo, en 1632. Segundo o seu principio, non existe un sistema de referencia absoluto polo que todos os movementos poidan ser medidos. Máis tarde, o nome foi adoptado na física por Maxwell, fundador do electromagnetismo clásico, cando defendía a súa existencia en 1876.
A maior divulgación do termo relatividade tivo lugar coa Teoría Xeral da Relatividade, formulada por Einstein en 1915 (como conferencia) e 1916 (como libro), esta mesma unha xeneralización da súa Teoría Especial (ou Restrinxida) de 1905. Mentres a física newtoniana quedaba curta para explicar fenómenos astrofísicos, a nova teoría prediciu bastantes propiedades cosmolóxicas e da materia. Unha das implicacións máis coñecidas é a fusión conceptual de tempo con espazo e masa con enerxía, ata chegar a falar da gravidade como efecto da curvatura do espazo.
Os seus resultados e desenvolvementos compatibles coa TXR máis coñecidos son a equiparación entre os conceptos de masa e enerxía –a famosa E=m•c2–, a Teoría do Big Bang e mais a dilatación temporal (o paso do tempo a distintas velocidades).