Imaxinemos unha pinga de auga caendo a cámara lenta nunha arañeira. Chega, golpea, dobra a tea e despois esta volve ao seu. Que algo en aparencia tan fráxil poida ‘recobrar a súa forma orixinal logo de sufrir un impacto’ débese á súa altísima resiliencia, un termo que se emprega na física pero que é máis ca unha propiedade dalgúns corpos ou materiais.
Resiliencia chéganos a través do inglés resilience, procedendo este do latín resiliens, participio presente de resilire, que significaba ‘volver dun salto’ ou ‘rebotar’. Desde o propio étimo é evidente o sentido fundamental de ‘volta á posición primeira despois dun choque’, que é a base de significado sobre a que se foron adaptando múltiples aplicacións do termo en diferentes ámbitos. Así, fálase da resiliencia dun ecosistema devastado que volve ao seu ao cabo do tempo, ou, en linguaxe económica, da recuperación dunha empresa en bancarrota que é quen de volver dar beneficios. Por suposto, os seres humanos tamén poden ser resilientes se teñen ‘a capacidade de asumir e recuperarse de situacións adversas’.
No ámbito das ciencias sociais, rexístrase esta palabra desde finais do século XX. Os primeiros investigadores en empregala foron Michael Rutter e Boris Cyrulnik. Este último, fillo de xudeus asasinados polos nazis, investigou como nenos criados en circunstancias adversas eran quen de superalas e seren adultos felices e equilibrados. Nun principio pensábase na resiliencia como unha característica innata pero na actualidade concíbese como algo dinámico, que o medio pode favorecer potenciando a autoestima e a confianza nun mesmo.
Nos últimos anos xeneralizouse o uso de resiliencia no campo do emprendemento, onde se entende como ‘a capacidade de desenvolver un proxecto e levalo a termo, malia as circunstancias dificultosas ou as complicacións que o poidan empecer’.