
Imaxe creada sobre unha previa de Mark Martins de Pixabay
Na editorial Nós de Ánxel Casal viu a luz o libro de relatos Retrincos escrito por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Foi impreso na rúa do Vilar de Santiago de Compostela o 19 de decembro de 1934. A edición inclúe sete gravados en madeira, obra de Carlos Maside: cinco acompañaban os textos, outro era un retrato do autor, que acabou sendo moi coñecido, e o sétimo ilustraba a tapa do libro.
En Retrincos o autor rianxeiro xunta cinco relatos presuntamente autobiográficos ordenados cronoloxicamente. Trátase dun narrador homodiexético, aquel que relata en primeira persoa do singular e así tamén se converte no protagonista das historias contadas. Os episodios foron ideados sen ilustración propia do autor e cun final que responde a un clímax resolto. En canto á redacción, son textos accesibles pero moi puídos, brillantes desde a sinxeleza e que pechan cunha sentenza que funciona como epifonema. Respecto á temática, Vicente Risco sinalou que a escolma de Castelao caracterízase por seren “historias de fondo tráxico, que se poderían inscribir no neorrealismo, ou no que, con mellor ou peor razón, se adoita cualificar de existencialismo”.
O Dicionario define o substantivo retrinco como “cada un dos anacos que sobran dunha cousa despois de cortala, en especial dunha tea cando se vai confeccionar unha peza de roupa”. O vocábulo retrinco é un derivado do verbo retrincar, voz prefixada que toma como base o verbo trincar, que procede do occitano trencar de significado semellante. O Dicionario sinala que o termo retallo é sinónimo de retrinco. Este vocábulo lévanos ao verbo retallar, formado sobre tallar, que vén do latín tardío. taleāre ‘cortar’, e este deriva do latín talea ‘abrocho’. Esta voz aparece na locución ao retallo, que, referida á compra ou venda de mercadorías, indica que se realiza en cantidades pequenas. Pero tamén coñecemos colcha ou manta de retallos “colcha confeccionada a partir de retallos cosidos de cores, debuxos e formas diferentes”. Podemos ver Retrincos coma unha colcha de retallos cosidos con mestría por Castelao; xa que parte das narracións que conforman a obra foran textos publicados por separado na prensa daquela altura en Galicia.
Mais, se nos guiamos polo noso propio Dicionario, quizais Castelao titulou deste modo o seu libro botando man da segunda acepción da palabra retrinco, a que se refire a un “espazo moi breve de tempo” ou “momento” e non na primeira que mencionamos dos ‘anacos de tea sobros’. Xa que este libriño é un conxunto de episodios vividos polo de Rianxo (momentos para o DRAG) que van desde a nenez ata a idade adulta: O segredo, é un capítulo que se desenvolve durante a súa estadía de neno na Pampa; O inglés, na adolescencia; Peito lobo, cando se consolida como artista e narrador; O retrato, sucede cando acode ao pé da cama dun enfermo, malia que xa deixara de exercer como médico, e dinos como a súa pintura acaba sendo un remedio para mitigar a irremediable ausencia dun fillo; e Sabela, transcorre sendo adulto e xa dedicado á política.