S.O.S.

Lemos o verso e sabemos quen é o autor. Case ninguén imprimiu unha pegada tan persoal nas súas composicións, e tal como recolle o profesor Xosé Luís Axeitos na edición das obras completas de Manuel Antonio, poucos tiveron un nivel de esixencia ten elevado, tanto co contido do texto coma coa edición, nunha produción que resultou tan intensa coma breve e da que só unha parte apareceu publicada en vida del. Todo isto fai especialmente interesante podermos consultala agora distribuída nos tres volumes de Clásicos da Academia, colección publicada pola RAG e a Fundación Barrié.

O rianxeiro é o noso poeta do mar, un mar como non viramos ata daquela, un mar que el viviu e do que nos traslada unha nova óptica, convertendo en poéticos vocábulos de ámbito técnico ou mesmo mecánico, como a chamada de socorro habitual nos barcos, tan do seu gusto, que lle serve para titular un dos poemas de De catro a catro: S.O.S.

Ese chamamento de auxilio é un aperto considerable onde procuramos, por riba de todo, a transmisión da mensaxe. Ademais, nun contexto onde resulta vital a comprensión entre falantes de distintas linguas, como na navegación de altura, é obrigado adoptar sinais e comunicacións coñecidas e entendibles internacionalmente.
Precedidos pola popularización do telégrafo e mais o código morse, foi nos primeiros anos do XX cando se datan os intentos máis temperáns de adopción dunhas claves que facilitasen a transmisión de informacións cruciais entre os barcos e entre estes e as estacións marítimas.

No caso do aviso de perigo, utilizouse en principio o código CQD, pero a súa vida foi efémera e de contado se viu substituído por S.O.S., que o superaba amplamente en efectividade e facilidade de comprensión, dado que, traducido ao morse, utiliza as únicas letras que están formadas por tres sinais idénticos e, para poñerlle o ramo, resulta simétrico (tres pulsacións curtas, tres longas, tres curtas). Diminuíase desta maneira a posibilidade de interpretar erroneamente un sinal de tanta importancia e botaba a andar o que se converteu na indicación de socorro máis popular en todo o mundo.

Se ben parece claro que a súa creación e adopción se deberon aos motivos mencionados, non faltaron os intentos de darlle unha explicación a posteriori, interpretando o S.O.S. como a sigla dunha expresión inglesa. A máis repetida destas é a de save our souls (salvade as nosas almas), pero non parece ter relación con ningunha das pretendidas orixes.

Hoxe en día, coas comunicacións melloradas e os protocolos estandarizados, os avisos para este tipo de situacións –securité para cuestións de seguridade, pan pan para urxencias e mayday para perigos inminentes, todos eles proceden de expresións francesas –, realízanse a través da canle 16 de VHF, reservándose uns minutos cada media hora exclusivamente para a súa transmisión. E é que no mar, como nos di o poeta, todo pode pasar: “Todos presentíamos que a noite/ preparaba algún sofisma/ E o faro estraviado/ daba s-o-s/ n-o morse/ -clave Orión-/ d’as estrelas”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir