Para estes meses de verán, escollemos unha serie de linguas que teñen todas elas en común o feito de seren construídas, ou sexa, que non son o resultado dunha evolución histórica senón que foron creadas ben artificialmente, ben por contacto, cun fin determinado ou por unha necesidade comunicativa concreta. Cada semana, coñeceremos quen foron os seus inventores, para que as crearon ou como xurdiron e canto éxito obtiveron, ademais doutros detalles curiosos sobre elas.
As linguas construídas (conlangs) que eliximos son:
o esperanto, o ido, o novial, o interlingua, o volapük, o sabir, a lingua geral, o klingon e o dothraki.
O sabir.
O termo sabir, igual ca a denominación lingua franca, aplícanse hoxe en día para un sistema de comunicación adoptado por individuos que se expresan habitualmente en idiomas ou dialectos diferentes pero manteñen entre si contactos frecuentes. A primeira lingua vehicular utilizada nos portos do Mediterráneo entre a Idade Media e o século XIX da que temos noticia é a xurdida da interrelación entre falantes de linguas románicas –do norte–, e os de bérber e árabe –do sur–. Precisamente “lingua franca” procede do nome dado polos pobos norteafricanos da época aos cristiáns do occidente mediterráneo, que eran, en xeral, os francos. Máis adiante aplicóuselle o termo sabir, que parece derivar dunha evolución románica do verbo latino sapere, para algúns tomado da forma provenzal sabir, para outros unha deformación do castelán saber.
A base na que repousa é fundamentalmente italiana, sobre todo nas falas xenovesas, pero ten ingredientes doutras linguas románicas, como español, occitano, catalán ou portugués e doutros puntos máis ao leste, especialmente grego e turco. Por unha banda produciuse unha neutralización entre variantes neolatinas que puido ter como base o latín medieval que utilizaban nos seus contactos os falantes das linguas que derivaran do latín, polo que tampouco resulta moi afastado para nós. Por outra parte, as linguas norteafricanas influíron sobre todo na fonética. Alén disto, como é corrente nestes casos, a morfoloxía adoptada é moi simple. Así, por exemplo, dos verbos só se utiliza o infinitivo, e non as formas flexionadas como facemos en galego.
Entre os séculos XVI e principios do XIX aparecen variantes diferenciadas, fundamentalmente unha máis italianizada cara ao leste e outra máis hispanizada no centro e occidente, pero, ao dar comezo a colonización europea do norte de África no século XIX, desaparece a lingua franca como tal e o que xorden son versións das linguas coloniais creadas polos norteafricanos nas que se manteñen, por veces, restos da lingua franca.
O 9 de xullo de 2015, en Cabo da Cruz, na inauguración dos XII Encontros de embarcacións tradicionais, Joško Božanić, navegante, filólogo e home de cultura croata, recitou o poema en sabir Navigare necesse est, do que recollemos as dúas primeiras estrofas e adaptamos libremente. Comeza cun dito arxentino que sostén que hai tres clases de persoas, as vivas, as mortas e as que navegan, e a seguir di:
O sveti Mike
reci non rotu
mola barbitu
agvanta skotu
ćapa lantinu
kaca skotinu
volta temun
na vitar karinu
a more putana
more kanaja
mola ol kraja
mola ol kraja
Tira barbitu
azvelto vira
a more momi
ne do non mira
bit će marete
bit će mora
isal lantinu
jidra fora
more je stringa
more kanaja
mola ol kraja
mola ol kraja
Oh! San Miguel
dáme a ruta
afrouxa a amarra
terma da escota
trinca a vara
caza o cabo
vira o temón
vento na popa
oh puto mar!
oh mar canalla!
sae da badía
sae da badía
Larga amarra
e esvelto vira
o mar chama
e non virá
menos mar
chegado o intre
monta o pau
a vela fóra
oh mar ameigado!
oh mar canalla!
sae da badía
sae da badía