O tema do Brexit estanos volvendo tolos a todos. Tráenos de cabeza mesmo a formación da palabra, que procede de Britain ‘Gran Bretaña’ ou British + exit ‘saída’, e que xorde probablemente a imitación do termo Grexit (2012) ‘exclusión de Grecia da Eurozona’.
A capacidade de creación neolóxica do inglés relacionada coa situación actual deu lugar a outros termos como Bregret ou Regrexit (de regret, ‘lamentar’), Breleave (de leave, ‘abandonar’), Bremain (de remain, ‘permanecer’), que levan aparecendo desde o referendo celebrado o 26 de xuño de 2016, no que Gran Bretaña votou maioritariamente a favor do abandono da Unión Europea. Pero nesta última época aflorou un impedimento nas negociacións que xerou un novo termo no que hoxe nos detemos: o backstop irlandés.
A palabra popularizouna o negociador da UE para o Brexit Michel Barnier en 2018 e refírese a unha cláusula acordada nos protocolos de decembro de 2017 entre a Unión e Reino Unido que pretende evitar unha fronteira “dura” no único linde físico entre ambas as partes: o que separa a República de Irlanda e Irlanda do Norte, territorio do Reino Unido. É dicir, a idea é que non volva haber controis aduaneiros de tipo persoal, mercantil ou mesmo militar. Todos eles foron suprimidos cando en 1998 se asinou o Acordo de Venres Santo, que selou o proceso de paz en Irlanda do Norte tras décadas dun conflito armado que acabou coa vida de 3.500 persoas e deixou polo menos 47.000 feridos.
O termo backstop procede do léxico dos deportes e designa as redes que se poñen detrás dalgúns xogadores para que as bólas que saian disparadas non impacten nos espectadores e sexa doado recuperalas. No sentido político, polo tanto, refírese a unha solución de último recurso ou de salvagarda acordada entre a UE e o Reino Unido segundo a cal Irlanda do Norte permanecerá provisoriamente na unión alfandegueira se non se chega a un acordo xeral para todo o Reino Unido. O novo goberno británico non considera aceptable este compromiso.
As expresións que Termigal propón provisionalmente para designar en galego o backstop foron (mecanismo/solución de) salvagarda e último recurso. Palabra que recolle o DRAG coa acepción figurada como “Aquilo que serve de protección ou garantía contra un perigo”. Esta solución vén tamén avalada polo seu emprego nos medios de comunicación e os servizos de tradución da Unión Europea en diferentes linguas, como o portugués (último recurso), o castelán (que admite tanto salvaguarda como salvaguardia) e o italiano (salvaguardia). A palabra salvagarda é probablemente unha adaptación do préstamo do francés sauvegarde que, á súa vez, vén do verbo sauvegarder ‘protexer’. Remite, en todo caso, a unha combinación do elemento compositivo latino salvare ‘salvar, protexer’ (derivado de salvus ‘enteiro’, e co que están relacionadas as nosas palabras salvamento, salvo, salvador, salvoconduto ou salva) e gardar. Este último é de orixe xermánica, continuador do verbo franco wardōn, que se herdou xa no latín medieval como gardar ou guardar cos significados de ‘coidar o gando’, ‘precaverse’, ‘protexerse’.