saudade

Florencio Delgado Gurriarán xogou un papel importantísimo no exilio en México como ben sabemos. As persoas que chegaron ao país azteca ao bordo do Ipanema procedían de distintas zonas da España republicana; mais no propio barco xuntáronse un grupo de galeguistas militantes -entre eles estaba Florencio- que ao chegaren alá continuaron a se reunir en faladoiros, xa que pretendían que o espírito do galeguismo, imposible na Galicia de Franco, non esmorecese e se mantivese en terras alleas mentres non se puidese volver.

Este grupo mexicano centrou o seu esforzo nas empresas culturais. Florencio entrou de cheo na vida da comunidade galega en México e intégrase no Grupo Saudade e na Irmandade Galeguista de México. Formou parte do consello de redacción dunha destas empresas, a revista Saudade, Verba galega das Américas (en xullo de 1942), xunto con Carlos Velo, Ramiro Illa Couto, Ramón Cabanillas fillo e Roxelio Rodríguez de Bretaña. Converteuse nunha das primeiras mostras da resistencia dos intelectuais galegos exiliados en América. Dentro da liña editorial de Saudade estivo sempre a defensa da lingua, o seu mantemento e a difusión fóra de Galicia. A revista editouse en dúas etapas; a primeira desde 1942 a 1945; e unha segunda época desde 1952 a 1953.

Nos inicios da década dos corenta, os exiliados mantiñan certa esperanza de retornar á terra e de que a ditadura imposta por Francisco Franco fose derrocada polas tropas aliadas. Porén o título desta cabeceira –Saudade– parece que estaba a anticipar o sentimento que estes homes e mulleres sentiron cando non puideron retornar e o réxime non foi derrocado.

Segundo o Dicionario da Academia o termo saudade defínese como o “sentimento profundo no que o suxeito vive unha perda ou experimenta unha aguda nostalxia de algo xa vivido e que considera desexable”. A etimoloxía desta palabra, segundo algúns estudosos, lévanos ao latín solitatem ‘soidade’, ‘illamento’, ‘desamparo’, que, á súa vez, é un derivado do adxectivo solus, -a, -um ‘só’. O Dicionario sinala como sinónimo deste termo señardade que nos leva á voz latina singularitate ‘calidade de ser único’.  Por outra banda o DRAG recolle outras dúas voces próximas na semántica que son morriña (sentimento e estado de ánimo melancólico e depresivo, en particular o causado pola nostalxia da terra) e nostalxia (sentimento de tristeza que produce o afastamento da patria, a lembranza dun tempo pasado ou de algo querido que se perdeu ou do que se está lonxe). Nestas dúas palabras o sentimento de perda vén motivado polo afastamento da patria.

O rexistro da palabra na escrita atopámolo por primeira vez no Coloquio de vinte e catro galegos rústicos de Martín Sarmiento en 1746: “Cando for à vila,/ para meu contento,/ verein, qu’as saudades / cantando son menos”, logo a partir do Rexurdimento a súa aparición nos textos increméntase ata a actualidade. Por outra banda está o estudo da idea filosófica e a súa repercusión nas nosas letras que encheu abondosas páxinas tentando explicar a sutiliza do concepto. Non son poucos os investigadores e investigadoras que teorizaron o tema do concepto filosófico da saudade na obra de Rosalía de Castro, entre eles Cabanillas, Pedrayo, Carballo Calero, Marina Mayoral…). Poida que o espírito de señardade encha algúns dos seus versos, porén  ela emprega a palabra saudade só moi ocasionalmente, xa que a súa voz preferida é soidade.

Logo do dito non quixeramos estar na pel de Florencio e na de todas as persoas obrigadas a marchar do seu fogar e sentir a saudade do que se deixa atrás e a morriña dunha terra a que non se podía volver.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir