Tradicionalmente a poboación galega estaba composta na súa maioría polos traballadores e traballadoras do sector primario. Nunha situación económica moi precaria algúns destes víronse obrigados a desprazarse a outros lugares para realizaren traballos agrarios en estadías de curta duración e así conseguiren uns ingresos mínimos que permitisen pagar os tributos máis outros gastos ineludibles e garantir as supervivencias das explotacións propias. Por esta razón comezou a ser habitual ir traballar na seitura en Castela. Estas migracións están documentadas desde a Idade Moderna (século XVIII), como se amosa na propia literatura galega, lembremos os versos de Rosalía (Castellanos de Castilla) ou de Curros; pero, tamén, no folclore galego oral rexistramos abondosas coplas que aluden a estas translacións. A demanda de man de obra noutros lugares da Península explicaba os traslados dos segadores galegos, porén non eran o únicos, porque tamén se demandaba o traballo dos afiadores de Ourense, os telleiros do Baixo Miño, os canteiros da Terra de Montes etc.
A voz seitura defínese no Dicionario como “a operación que consiste en facer a sega do centeo ou calquera outro cereal”. Este significante é a evolución patrimonial do termo latino secturam ‘corte’. A este vocábulo o DRAG outórgalle como sinónimos corta e sega. As dúas palabras son derivados deverbais de cortar, voz procedente da latina curtare ‘rabenar’ e de segar que nos chega desde o equivalente do latín secare ‘cortar’. Os termos sega e seitura son voces de especialidade que aparecen para designar a ‘corta do cereal’ especificamente. De par destas palabras atopamos ceifa cun significado próximo (“recolección dos cereais”); pero doutra procedencia, do árabe saifa; que na variante hispánica significaba ‘colleita’ e que bebía do árabe clásico onde significaba ‘verán’ e, por metonimia, o nome da estación na que se recollen os froitos rematou por designar a ‘colleita’ que se realiza nese período de tempo. As persoas que se dedicaban a estas tarefas son os e as segadoras ou os e as seitureiras, denominacións derivadas por sufixación.
En certos traballos, coa intención de facelos máis levadíos, xorden uns cantos que os acompañaban, sobre todo, cando se trataba de labores comunitarios. Un exemplo deles son os cantos de seitura, que se interpretaban ao segar o trigo ou o centeo. O ritmo pretendía imprimir a velocidade axeitada para que o labor fose animado mais non cansado de máis. Estes gardan certa semellanza co alalá, aínda que o tema alude á sega: “Anque veño da seitura, / anque veño da segada, / anque veño da seitura, / non veño nada cansada”.
A relevancia destes labores obsérvase tamén na fraseoloxía orixinada ao seu redor, como percibimos nas seguintes paremias: Quen ao sementar é mesquiño, para seitura escusa fouciño; Na sega, sega o pan e vaite ó río bañar; Unha fouce non fai sega; Ir á sega sen a fouciña é coma ir de caza sen can! Mesmo a tarefa acabou por designar o nome do mes no que se realizaba, daquela o mes de xullo denomínase seitura, como apreciamos nos ditos que seguen: A seitura para segar e agosto para mallar, 31 han de levar; En seitura o sol, e en agosto mellor; En marzo e abril sae o cuco do cubil e entre san Xoán e a sega marcha o cuco para a súa terra.