Unha ondulante fronteira divide o que sentimos e o que pensamos. Por iso moitas veces quen nos quere ben encoméndanos ao noso sentir: Vai con sentidiño! Quen así nos aconsella é posible que confíe máis na nosa intuición ca na nosa intelixencia, porque o sentidiño, aínda que pareza un paradoxo, non sempre acompaña o xeito de actuar das persoas máis brillantes. Que nos reprochen que non temos sentidiño ningún non nos descualifica, polo tanto, no intelectual pero é un convite a que pensemos dúas veces nas posibles consecuencias de calquera acción. O sentidiño, en definitiva, nunca sobra, e quizais por iso decidistes que fose a Palabra do Ano 2019. Co 2022 xa algo avanzado, volvemos reivindicar o seu significado como mellor fórmula para lle facer fronte ao remate do coronavirus. Toca cumprir as medidas fixadas de acordo co criterio das autoridades sanitarias para non volver atrás.
No lingüístico sentidiño é unha palabra derivada que ten como base o vocábulo sentido, que se orixina á súa vez da substantivación do participio pasado do verbo sentir, procedente do equivalente latino sentire “percibir polos sentidos”. De todas as acepcións que recolle o Dicionario para a palabra sentido, refírese á cuarta, a “capacidade mental de actuar de maneira razoable e correcta”. O aspecto máis interesante do termo é o papel do sufixo derivativo –iño, que neste caso non outorga á nova palabra o matiz habitual de máis pequeno senón o de “calidade de sensato’, expresando con frecuencia tamén certa complicidade coa persoa coa que se fala. De feito, o noso sentidiño podería considerarse un sinónimo do sentido común, que o Dicionario define como “bo xuízo” ou “calidade ou capacidade de xulgar e actuar cabalmente”.
Outra palabra da nosa lingua para se referir ao mesmo concepto que designa sentidiño é siso, “bo entendemento para falar ou actuar”, e tamén atopamos vocábulos similares noutros idiomas próximos. O noso sentidiño aseméllase moito, de feito, ao seny do catalán, cuxa primeira acepción denomina a “ponderación mental”. Bebe tamén do latín sentire, raíz compartida igualmente con outras solucións de idiomas da mesma familia nos que o adxectivo bo funciona como o noso -iño neste caso. Atopamos así o buonsenso italiano, o bon sens francés ou o bom senso portugués. Na banda dos antónimos podemos destacar arrouto ou arroutada, definido nunha das acepcións que lle asigna o Dicionario como aquel “feito pouco atinado ou pouco razoable”.
O sentidiño é, en definitiva, unha boa calidade que nos define como seres humanos e que nos mellora individualmente e como sociedade. Así que, agora máis ca nunca, que non nos falte!