serendipidade

Ás veces na nosa vida, no día a día, suceden cousas por azar ou ao chou ‘sen un plan previo e determinado’ e cando o resultado é positivo dicimos que foi por carambola ‘resultado dunha acción, xeralmente favorable, que se produce por casualidade’. Mais hai outras veces nas que, cando estamos procurando algo, ‘descubrimos cousas importantes por azar’. Para este feito, e mesmo para a capacidade de producilo, existe unha palabra que o nomea: serendipidade.


O termo é un neoloxismo inglés –serendipity– creado polo escritor Horace Walpole en 1754 e empregado na súa correspondencia. Lendo nas súas cartas, descubriuse que para construílo partiu do topónimo Serendip, antiga denominación de Ceilán (actual Sri Lanka), ao que lle engadiu a terminación –ity, que é un elemento de formación de substantivos abstractos. O nome do lugar achouno nun conto tradicional persa chamado Tres príncipes de Serendip, os cales eran quen de resolver distintas situacións conflitivas grazas á súa sagacidade acompañada da casualidade. A etimoloxía última da palabra hai que ir buscala ao árabe sarandib que a recolle do sánscrito simhaladvipa, onde significaba ‘illa da morada dos leóns’.


En inglés, o termo foi moi utilizado no XVIII –popularizándose grazas á novela curta Zadig, ou o Destino (1747), de Voltaire–, pero caeu en desuso ata o século XX, cando se recolle de novo, sobre todo, na literatura científica. Máis tarde recuperará un uso coloquial a comezos do XXI, coa estrea da película romántica Serendipity (2001). Na nosa lingua é un préstamo adaptado baixo a forma serendipidade, aínda non sancionado pola normativa pero que desde o punto vista morfolóxico non é controvertido e mantén a harmonía coas decisións adoptadas noutros idiomas: en portugués serendipidade (ou serendipismo, menos común), catalán serendipitat, francés sérendipité, italiano serendipità e español, onde conviven as formas serendipidad e serendipia.

É lóxico presupoñer que no ámbito científico as casualidades sexan poucas e que os achados sexan produto do traballo arduo e das capacidades das persoas que investigan, máis o certo é que hai grandes descubertas froito da serendipidade: o cálculo do volume dun corpo irregular de Arquímides, a forza da gravidade de Newton ou a penicilina de Fleming son bos exemplos. Aínda que como dicía Pasteur: “Na observación, o azar favorece, soamente, as mentes preparadas”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!.

Cubre a enquisa aquí