Para chamarlle ao ‘día ou ano en que se cumpre un século e medio dun suceso histórico, ou dun acontecemento importante na vida dunha persoa’ existen varias alternativas: unha opción consiste en empregar unha forma sintética, isto é, utilizar unha soa palabra, neste caso sesquicentenario, que como adxectivo significa ‘relativo ao que ten un cento e medio’ e como substantivo ‘acto de celebración en que se conmemora algo acontecido hai cento cincuenta anos’.
Outra posibilidade para expresar a mesma cantidade de referencia é botar man de formas compostas sobre aniversario (do latín anniversarius, ‘que volta, que se fai cada ano’), precedido ben do ordinal, ben do cardinal correspondente; diremos entón que en 2013 se celebrou o cento cincuenta aniversario da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía, ou ben que en 2003 lembramos o centésimo quincuaxésimo aniversario da primeira edición de A Gaita gallega de Xoán Manuel Pintos.
Malia que sesquicentenario poida resultar un pouco estraño cando se escoita por primeira vez, o certo é que o significado desta palabra se desprende claramente dos étimos sobre os que está formada. Centenario é actualmente o “centésimo aniversario” e procede do latín centenarius, con diferentes valores: ‘centuplicado’, ‘de cen anos de idade’ ou ‘que comprende o número cen’. Pola súa banda, sesqui- é un prefixo de cantidade, tamén derivado do latín por redución dunha forma suposta semisque, que tiña o valor xeral de ‘unha vez e media’, ou literalmente, ‘mais a metade (da unidade, medida ou cantidade especificada)’. Entón, en sesquicentenario, ‘cen’ e mais ‘a metade de cen’ sería ‘cento cincuenta’.
Sesquicentenario é un dos moitos numerais que non está no Dicionario, xa que en xeral nos manuais de consulta e nas gramáticas só aparecen algúns para serviren de exemplo e indicación, e a partir deles pódese deducir a forma e o valor de todos os demais. A razón disto é que os números son por definición infinitos e daquela o Dicionario que quixese rexistralos todos non remataría xamais. Este é tamén o motivo de que o procedemento lingüístico para denominar os numerais se basee na repetición e na combinación de unidades recorrentes.
Se en 2003 celebramos o cento cincuenta aniversario da Gaita Gallega e en 2013 o dos Cantares rosalianos, neste ano 2014 rememoramos o sesquicentenario do nacemento de Fontenla Leal, o principal promotor da fundación da Academia. E continuaremos lembrando obras, feitos e persoas, porque o momento que vivimos coincide cos 150 anos do noso Rexurdimento. Ou sexa, que nos queda moito por escoitar sesquicentenario.