sexismo

A violencia de xénero é aquela que se exerce unicamente sobre as mulleres, polo simple feito de selo sen diferenciar a idade, e tanto se pode sufrir na adolecencia como na vellez. É un problema global e grave que pon en risco a vida de moitas delas en todo o mundo. Por iso, desde o ano 2000, a ONU estableceu o 25 de novembro como o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.

Trátase dun conflito social que acontece tanto na esfera pública coma na privada, que non se pode vincular cunha cultura concreta, nin a unha rexión xeográfica ou un país específico. Esta modalidade de violencia está intimamente relacionada co sexismo, segundo o Dicionario, a “ideoloxía, comportamento ou actitude que manifesta discriminación das persoas atendendo ao seu sexo”. Este ideario leva consigo a aceptación como normais un conxunto de prácticas discriminatorias contra as mulleres en ámbitos diversos da vida. É unha actitude que propicia a dominación e subordinación destas.

O concepto, sexismo, xorde no movemento feminista dos EE.UU. nos anos sesenta do século pasado. En 1965, Pauline M. Leet emprega por primeira vez, en inglés, o vocábulo sexist (sexista) nunha intervención no Foro de estudantes e profesores no Franklin & Marshall College, de Pensilvania. Ela sinalaba que a actitude dalgúns homes, no ámbito universitario, cara ás mulleres era semellante á que se tiña coas persoas doutras razas; se a esta se lle chamaba racist, por analoxía á outra cumpría denominala sexist. Esta idea é retomada por Caroline Bird en 1968 na introdución do libro On Being Born Female, onde emprega tamén a denominación sexism (sexismo).

O vocábulo sexismo é un substantivo derivado abstracto, obtido mediante a aplicación do sufixo -ismo, formador de nomes que significan ‘actitude’, ‘tendencia’ ou ‘calidade’, á voz base sexo na acepción “conxunto de características orgánicas que permiten distinguir un individuo macho dun individuo femia”. Vincúlase con esta palabra o adxectivo sexista, que designa aquilo “que manifesta sexismo”. Este aparece na locución a linguaxe sexista, aquela que usa expresións comunicativas que fan invisibles as mulleres, que as subordinan ou que as converten en estereotipos por razón do seu sexo. O sexismo lingüístico xorde cando un falante particular, ao organizar as súas mensaxes, emprega vocábulos concretos en exclusiva (sexismo léxico) ou constrúe oracións (sexismo sintáctico) coa clara intención de que estas resulten discriminatorias ou vexatorias para as mulleres.

O concepto analizado, sexismo, débese relacionar necesariamente con outros como machismo e patriarcado. O DRAG define o primeiro como o ‘comportamento que non acepta a igualdade de dereitos entre home e muller’ e xorde como un derivado sobre a palabra macho, que bebe do latín masculus ‘ser masculino’, seguindo o mesmo esquema formativo exposto. O patriarcado, pola súa banda, cómpre entendelo como a “forma de organización social en que o home exerce o poder en todos os terreos e goza dunha posición dominante na familia”. Este vocábulo fórmase a partir da voz patriarca, que vén do latín patriarcha ‘pai dunha raza’, que remite ao grego patriárkhes ‘xefe da familia’.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir