
O lema do Día da muller 2025 é “Dereito, igualdade e apoderamento”. Ante esta premisa, hai que insistir en que a igualdade e o apoderamento só se acadarán desde a necesaria modificación da mentalidade patriarcal que aínda existe; e, nunha sociedade rendida ás novas tecnoloxías coma a actual, garantíndolles ás mulleres e ás nenas o acceso a estas para poder traballar, estudar e relacionarse en condicións paritarias.
Na era dixital todo o que ocorre no denominado mundo analóxico, trasládase ao virtual. Así, non recibes cartas manuscritas, pero chéganche correos electrónicos a moreas á túa conta; non revelas fotografías en papel, mais enches a memoria do móbil cunha multitude de imaxes. Xa non te reúnes para tomar algo, senón que quedas por videochamada. E tamén suceden no espazo virtual os comportamentos reprobables: os enganos, as alburgadas e diferentes formas de violencia que se manifestan nas redes sociais… Calquera persoa pode resultar afectada, pero os datos indican que as mulleres e as nenas se converten en vítimas das violencias dixitais en maior medida. No seo dunha relación tóxica é habitual revisar o teléfono móbil coa pretensión de controlar e amedrentar a súa propietaria; ou ben inspeccionando directamente o terminal, ou botando man dunha serie de aplicacións instaladas no teléfono que funcionan como programas espías (spyware) para saber o historial de navegación, coñecer a localización xeográfica do terminal, acceder á información almacenada ou mesmo escoitar as conversacións telefónicas.
Outra manifestación violenta no eido dixital é a sextorsión, unha clase de chantaxe na que as persoas afectadas son ameazadas coa difusión de material íntimo a cambio de diñeiro ou favores doutra índole. As cifras do Ministerio do Interior do goberno español indican que é un feito delituoso que está a aumentar nos últimos anos pasando das 1691 denuncias no 2018 a 4460 en 2023, de novo cunha incidencia maior no ámbito feminino. Sextorsión é un neoloxismo rexistrado no Tergal (a base terminolóxica para a lingua galega) definido como a “práctica consistente en extorsionar ou chantaxear unha persoa coa ameaza de difundir publicamente imaxes ou vídeos nos que ela aparece, que poden resultar comprometedores polo seu contido sexual explícito”. A orixe deste neoloxismo está no inglés –sextortion- voz composta do vocábulo sex (sexo) e o substantivo extortion (extorsión, chantaxe); os primeiros usos desta denominación documéntanse en 1949. Inda que esta extorsión pódea recibir calquera, constátase unha vez máis que as mulleres e as adolescentes reciben máis acoso deste xeito. Pode ocorrer que a sextorsión sexa consecuencia dun abuso de confianza e que o chantaxista obteña as imaxes íntimas mediante séxting ou mensaxería sexual traizoando a fiúza da persoa á que lle solicitou contidos privados.
Se a traizón entre adultos é grave, esta vólvese particularmente repugnante se as vítimas son menores. É un delito denominado ciberengado de menores e definido como o “proceso mediante o cal unha persoa adulta gaña a confianza dun menor de idade a través de Internet, xeralmente mediante enganos, co obxectivo de aproveitarse sexualmente del”; este termo é o equivalente do inglés grooming (engano pederasta). A denominación é unha deriva neolóxica do verbo groom que significa ‘coidar’, ‘preparar alguén para algo’.
Todos os feitos que se recollen baixo estas denominacións, cando recaen nas mulleres e nenas, considéranse manifestacións de violencia de xénero, xa que se exerce unha acción intimidatoria que atenta contra a dignidade das vítimas, e as converte en obxectos sexuais. A face perversa das ferramentas informáticas agride o colectivo feminino tamén; por iso, precísase lexislar para defender e protexer as vítimas de calquera tipo de agresión ou intimidación dixital que as poida afectar.