
Planisphaerium Copernicanum de Andrea Cellarius (1708)
Sicixia é unha palabra fermosa. É bonito escoitala e pronunciala, e a un tempo imaxinar que podería significar, cal será a súa historia. A razón está na súa eufonía e mais en que, para a maioría, é unha palabra descoñecida, por iso a Ignacio Vilar, que vén de presentar nos cines a súa última película (Sicixia, 2016), en cada entrevista lle preguntan cal foi a razón de escollela como título para o filme.

Segundo o Dicionario, sicixia é un termo propio da astronomía, que nomea “a posición do Sol, da Terra e da Lúa en que os seus centros están en liña recta”. Non está claro se entrou desde o francés ou ben directamente do latín, pero si que a súa raíz primeira está no grego suzugía, -as que tiña un significado semellante a ‘conxunción’ ou ‘unión’.
Para o termo clásico, apúntanse varios usos: podía referirse, por exemplo, aos gallos dunha árbore que saen dun tronco común, ou ben, en poesía, á unión de varios pés métricos formando un metro múltiple. En último caso, a través da súa raíz indoeuropea, estaría vinculada con outras palabras onde tamén está presente a mesma idea de unión, como xugo (o aparello que xungue o gando en parella, polo pescozo ou a cabeza), cónxuxe (cada membro do matrimonio respecto do outro) ou incluso ioga (o exercicio de unión entre o corpo e a mente).
No plano da física, que tres corpos celestes se coloquen en liña implica a suma das súas gravidades e isto ten como consecuencia o aumento da presión no mar; é o momento en que se dan as mareas vivas, tamén chamadas mareas de sicixia, que simbolicamente representan a intensidade apaixonada, a forza e a plenitude vital.