sororato

#CastelaoMirarporGalicia, #MaxinaEstudio, #XuntadeGalicia, #FundaciónCastelao

Imaxe recreada dunha dixital tomada na exposición #CastelaoMirarporGalicia de #MaxinaEstudio, a Xunta de Galicia e a Fundación Castelao

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo, sendo neno emigrou á Arxentina e de mozo novo volveu canda toda a familia, foi estudante de medicina por desexo do pai, aínda que nunca exerceu xa que os seus intereses eran outros. Casou con Virxinia Pereira, unha moza da Estrada, filla dun coñecido avogado da vila, en 1912. Ambos os dous coñecéronse en Santiago de Compostela cando el estaba na universidade e ela acudía a visitar unha irmá que residía na cidade compostelá. Ao parecer, ao primeiro, Castelao faláballe a Eva (unha das irmás solteiras de Virxinia), pero a relación non chegou a máis porque parece que esta tiña noivo. De feito, Eva Pereira contrae matrimonio na igrexa parroquial da Estrada o día 23 de xullo de 1906 co seu cuñado, viúvo da súa irmá Emma, Jesús González Bermúdez de Castro. Miguel Anxo Seixas afirma que o sororato desta irmá de Virxinia posibilitou que a amizade inicial entre ela e Daniel se convertese nunha relación formal e no posterior casamento o 19 de outubro de 1912.

Houbo un tempo no que o matrimonio entre cuñados, se se daban unha serie de circunstancias moi concretas, podía acontecer, mais por razóns que nada tiñan que ver co sentimento amoroso. Así, o matrimonio sororato ou matrimonio sororal era aquel no que se permitía que ‘o home que enviuvaba puidese volver casar coa irmá máis nova da defunta’. Por outra banda, o levirato asumía, con naturalidade, que a muller viúva ‘debía casar co irmán do marido defunto’. Nos dous casos, tanto a muller que casaba co viúvo da irmá, como a que o facía co irmán do marido, non tiña moita capacidade para decidir sobre o asunto. Este costume, moi antigo, practicouse ata non hai moito, como vimos no caso de Eva, a suposta primeira noiva de Castelao. A maior parte destas unións convértense nun acto de coerción contra as desposadas, xa que os casamentos entre cuñados eran, en realidade, matrimonios forzados, no que os intereses patrimoniais das familias eran máis importantes ca a vontade das mulleres.

A voz sororato é un termo culto derivado do latín soror ‘irmá’, que foi introducido polo antropólogo británico Sir James George Frazer e empregado no ámbito da antropoloxía para designar o ‘matrimonio entre un home viúvo e a irmá da súa esposa falecida’. Aínda que nalgunhas culturas era unha práctica matrimonial prohibida, a investigación científica ao redor dos tipos de matrimonio asegura que o sororato está documentado en numerosas sociedades primitivas ou tradicionais. A versión masculina (cando o defunto é o home) denomínase levirato, palabra que remite ao latín levir, -iri ‘cuñado’. Por outra banda, o vocábulo matrimonio, a “unión dunha parella feita legal por medio dunha cerimonia formalizada”, remite ao latín matrĭmōnium de significado semellante, vinculado á súa vez coa voz mater ‘nai’, común a todos os romances agás o romanés. A ‘cerimonia pola que dúas persoas contraen matrimonio’ denomínase voda, palabra que tomamos do latín vota, plural do termo votum ‘voto, promesa’ ou nupcias, semicultismo procedente de nuptiae; un sinónimo menos formal é a voz casamento, formada sobre o verbo casar que toma como base de formación casa co sentido de ‘poñer casa á parte’. Cando se facía vida matrimonial, sen estar esposados, dicíase dos protagonistas que estaban amigados. Emporiso, se as unións non funcionan e se producen separacións, pode producirse un divorcio “ruptura legal do matrimonio civil”, vocábulo culto que procede do latino divortium ‘separación do camiño’.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir