spoiler?

A proliferación de series nas canles de televisión, algunhas delas con moreas de seguidores en medio mundo, fixo que termos do inglés coma spoiler se convertesen en habituais nas redes sociais e nos medios de comunicación onde hai un gran número de foros nos que os afeccionados a unha serie, saga cinematográfica etc., intercambian impresións sobre os argumentos, actores, localizacións da rodaxe etc.

A palabra spoiler é un anglicismo que conta cunha acepción específica para se referir a ‘calquera información na que se desvelen importantes partes da trama ou elementos do argumento dunha película, libro, serie etc’. Procede do verbo to spoil que significa ‘diminuír ou estragar o valor ou a calidade de algo’, que é o que fan os spoilers, estragar o suspense ou a sorpresa que nos agarda.

A primeira vez que imos ver unha película, unha representación teatral ou ler un libro queremos manter o suspense, o factor sorpresa, e se chega a nós algún comentario que nos revele datos importantes do que imos ver ou ler pode conseguir que o noso interese diminúa. Tamén é certo que o morbo ou a curiosidade por saber como continúa unha serie, que novos personaxes aparecen nunha saga de libros, etc., pode vencer, ás veces, a nosa vontade, pero o que para moitas persoas supón un fastío, para outras supón satisfacer a necesidade de saber con anticipación o que vai suceder. Non obstante, a pesar do seu estendido uso social é preferible buscar alternativas ao uso do anglicismo. Aínda que é difícil atopar na nosa lingua unha palabra que englobe toda a carga semántica que ten este estranxeirismo na súa orixe, pensamos que, en moitas ocasións, palabras como filtración, que é a proposta que fan en catalán, ou revelación poderían ser válidas para evitar o uso deste termo alleo a nós.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir