teletraballo

A pandemia do coronavirus obrigou a aumentar a distancia interpersoal e diminuír o número de individuos que se podían reunir, e iso afectou a calquera agrupación humana. Ademais da escola e do ocio, un dos ámbitos que resultou afectado gravemente por estas circunstancias foi o laboral. Mentres que o estudo era, en boa medida, individual e no lecer podía resultar moi difícil manter a distancia social recomendada, moitos traballos podían realizarse sen necesidade de acudir a un lugar concreto. Durante o estado de alarma as autoridades indicaron a necesidade de confinarse na casa de cadaquén e, na medida do posible, que as persoas que puidesen teletraballasen para cumpriren coas súas obrigas laborais.

Foi todo un reto para as empresas e entidades, como tamén para empregadas e empregados que tiveron que adaptarse a novas dinámicas de golpe e a unhas esixencias inéditas e sen adestramento previo. Tamén o foi para o Dicionario. A Real Academia Galega fixo un esforzo importante cunha actualización, case inmediata, da obra para enriquecela cunha serie de vocábulos novos que xurdiron da aparición da covid-19 nas nosas vidas. Unha das achegas incorporadas no mes de maio foi a familia léxica relativa á realidade que designa o fraseoloxismo traballo a distancia.

Esta modalidade de exercicio dunha actividade profesional pode expresarse tamén nunha única palabra, teletraballo, que se forma a partir dun prefixoide ben xeitoso que xa leva tempo no Dicionario. Tele– ten unha orixe grega e quere dicir ‘a distancia’. O seu rendemento é evidente, porque antes de falarmos tanto do teletraballo xa entrara de cheo nas nosas vidas a través de voces como televisión, telecomunicación, teledirixir, telegrafar ou teléfono. Canda teletraballo, entraron tamén no Dicionario outras palabras da mesma familia: o verbo teletraballar e o nome teletraballador, –ora.

A orixe do verbo traballar encontrámola nunha forma do latín vulgar *tripaliare, que significaba ‘torturar’. Esta voz formouse a partir do substantivo clásico tripalium ‘instrumento de tortura feito de tres paus, que se utilizaba para unha inmobilización similar a unha crucifixión’. Considerando isto, cómpre indicar que en traballar se produciu un desprazamento semántico desde o primeiro sentido de ‘torturar’ a ‘sufrir’ e ‘esforzarse’, para logo ser equivalente de obrar ou de labrar, voces ás que en parte substituíu asumindo o significado de ‘realizar unha actividade con esforzo’.

Supoñemos que esta asociación de traballo e sufrimento non será excesivamente sorprendente. Mais abraiante é a que se produce na lingua inglesa, onde o mesmo instrumento de tortura está na etimoloxía da palabra travel, ‘viaxar’,  e non é precisamente  pola proliferación das viaxes de baixo custo!

Un percorrido semellante ao da nosa lingua lévano a cabo outras próximas como vemos co trabalhar do portugués, o trabayar do asturiano, o trabajar do castelán, o treballar do catalán e o travailler do francés. O italiano opta por outra vía e o seu verbo laborare tómase do termo latino laborare, que significaba ‘traballar’, co que está emparentado o noso cultismo laboral. O vocábulo laburar que se rexistra no castelán do Cono Sur é, de feito, unha adaptación do italiano dialectal pola influencia dos fluxos migratorios chegado ata a Arxentina e Uruguai.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir