tolerancia

Imaxe de Freepik

Tal como anda o mundo ultimamente semella necesario que avoguemos por tentar entendérmonos, sermos solidarios e tolerantes cos demais. A educación xoga un papel primordial no fomento da tolerancia. Esta é unha calidade que axuda as nenas e os nenos e mais os e as adolescentes a manter unhas boas relacións entre iguais e cos adultos, ademais de favorecer a empatía e o desenvolvemento de persoas menos violentas e con menos prexuízos.

A ONU, daquela, estableceu que o 16 de novembro sexa declarado como o Día Internacional para a Tolerancia. Prega que a través da educación, a ciencia e a cultura se fomenten actividades que erradiquen os comportamentos intolerantes. Na actualidade a palabra tolerancia vinculámola coa liberdade e a igualdade, que nos permitirá acadar a fraternidade: todos temos o dereito a ser tolerados, e a obriga de tolerar todo o mundo; este principio podería ser considerado o baseamento para termos unha sociedade civil e pacífica.

O Dicionario define a palabra tolerancia como a “calidade de quen respecta as opinións e actitudes dos demais aínda que non coincidan coas súas”, e completa a entrada cunha segunda acepción: “a capacidade dun organismo para soportar, sen sufrir dano, algunha cousa que pode resultar daniña ou desagradable”. O termo procede do latín tolerantia ‘paciencia’, ‘sufrimento’ ou ‘tolerancia’, vocábulo derivado sobre o verbo tolerare que significaba ‘aturar’, ‘soportar’ ou ‘sufrir’, que, á súa vez, se relaciona co verbo de orixe grega tallo ‘soportar’. A segunda das súas acepcións actuais é a que se achega máis á etimoloxía orixinal indicada. Cómpre sinalar que nun primeiro momento o termo empregábase na fala común para indicar ‘aguantar ou soportar as cousas tal como veñen’ e facía referencia ás actitudes de condescendencia. Posteriormente, pasa ao ámbito das ideas e da filosofía, onde adquire o valor de ‘ser quen de ver o outro coas súas virtudes e tachas e aceptalo así como se nos mostra’. O DRAG dá como sinónimo da primeira acepción de tolerancia a palabra transixencia, e noutras voces como contemporización, benevolencia e condescendencia recoñécese certo grao de proximidade semántica.

Entre a tolerancia e a filosofía hai un vencello evidente, xa que son moitas as correntes filosóficas que perseguen acadar unha sociedade máis tolerante e respectuosa. A filosofía é a “ciencia que trata de explicar as causas primeiras, a realidade do mundo e o ser humano en xeral”. O termo provén da voz grega phílosophía onde significaba ‘o amor á sabedoría’. Hoxe a filosofía é unha ciencia formal que serve para entender os fenómenos da vida social, política e económica dos pobos. Cando noutros eidos do saber non se dá cunha resposta satisfactoria, a filosofía aparece para contribuír á busca de alternativas que expliquen a dúbida xurdida. A UNESCO propuxo o terceiro xoves do mes de novembro como o Día Mundial da Filosofía, argumentando (entre outros motivos) que a filosofía proporciona os principios e os valores dos que depende a paz mundial: a democracia, os dereitos humanos, a xustiza e a igualdade. Por unha curiosa carambola do calendario deste ano coinciden no 16 de novembro o #DíaInternacionaldaTolerancia e o #DíaMundialdaFilosofía. Dadas as dolorosas circunstancias nas que nos atopamos, oxalá das ideas se pase aos feitos para conseguir que predomine a paz e a concordia.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir