Persoas transxénero son aquelas que se perciben a si mesmas dun xeito que non corresponde cos costumes sociais que regulan a identidade, en particular, as normas que se refiren aos roles de xénero (gender roles no orixinal inglés do ensaio de John Money -1955- un dos primeiros en manexar o concepto). Estes roles enténdense como os padróns e modelos de conduta percibidos como apropiados para os homes e as mulleres, nun sistema social determinado. Son a expresión pública da identidade de xénero –ollo!, de xénero– que non de sexo, xa que as diferenzas sexuais dependen da bioloxía e non do relato social. Esta acepción da palabra xénero (do latín genur, -eris ‘nacemento’, ‘orixe’) é relativamente nova xa que xorde no discurso teórico feminista da segunda metade do XX; así mesmo, tamén o sexo acolleu novos sentidos, desde o étimo sexus con que os romanos expresaban a división dos seres vivos en machos e femias ata a lingua moderna, onde serve para denominar as relacións íntimas e tamén os órganos xenitais.
Neste contexto aparece o termo transxénero en interacción coa palabra transexual, de xeito que, malia compartiren o prefixo (de base latina, co significado de ‘alén de’, ‘a través’), non son propiamente sinónimos nin intercambiables, xa que a persoa transexual é especificamente aquela que recibe algún tipo de tratamento de nova asignación de sexo, ora de tipo cirúrxico, ora endócrino.
Transxénero converteuse progresivamente nun termo paraugas que acolle identidades e prácticas diversas, incluíndo transexuais, travestís e intersexuais
Dos anos noventa en diante, transxénero convértese progresivamente nun termo paraugas que acolle identidades e prácticas diversas, incluíndo transexuais, travestís e intersexuais (persoas que posúen características xenéticas e trazos físicos e de conduta propios do home e da muller, a un tempo e en grao variable). O termo oposto é cisxénero (cis-, en latín ‘do lado de acó de’), que se refire a aquelas persoas que non viven nunha relación conflitiva entre o sexo que se lles asignou no nacemento e a súa propia identidade de xénero.
A palabra transxénero contén, como dixo a filósofa Judith Butler, “o espírito da revolta”, onde a reivindicación de asociacións e colectivos trans a favor de que se inclúa como entrada nos dicionarios académicos é unha acción que vai moito máis aló do estritamente lingüístico, xa que neste caso a sanción terminolóxica é tamén unha potente medida de visibilización. No proceso por facer máis visible a identidade das persoas transxénero e conquistar a plena inclusión social, déronse nos últimos anos avances mediáticos: a popularidade de Caytlin Jenner, Laverne Cox (da serie Orange is the new black), da artista musical Anohni ou a fichaxe dun neno transxénero para a mítica Modern Family son algúns dos exemplos máis ou menos recentes, desde que en 2009 por iniciativa da activista estadounidense Rachel Crandall se fixase o 31 de marzo como Día internacional da Visibilidade Transxénero.
Alén da aceptación normativa do termo, existen outras reivindicacións importantes sobre esta palabra, sen saírmos do ámbito do lingüístico e gramatical. Unha delas é a cuestión do uso dos pronomes e determinantes –relacionada coa escolla entre a identificación legal da persoa implicada ou o nome con que se sente identificada–, de xeito que o que demandan as asociacións é que se fale de home ou muller transxénero (o transxénero / a transxénero) consonte a identidade na que se recoñece o suxeito do que se trata.
A aversión cara ás persoas transxénero ou transexuais chámase transfobia e provoca condutas intolerantes, discriminatorias e incluso violentas: como advirten os informes de hai pouco tempo, máis da metade dos menores LGTBI sofren acoso escolar e ao redor dun 60% presentan cadros depresivos como consecuencia da situación de exclusión legal e social. A loita contra a transfobia esixe responsabilidades en todos os ámbitos; neste sentido é salientable o compromiso da Comisión Europea, de xaneiro de 2016, por conseguir que se retire a identidade transxénero da Clasificación Internacional de Enfermidades mentais (segundo o criterio da OMS) e pase a considerarse unha cuestión de saúde sexual, ou tamén o protocolo de actuación para os centros de ensino públicos dispoñible desde maio de 2016.