
Nas urxencias do hospital, utilízase con frecuencia a voz triaxe para denominar a clasificación dos enfermos que demandan asistencia, co propósito de avaliar a gravidade do caso e a prioridade que se lle outorga, tendo en conta os recursos dispoñibles.
A incorporación deste termo, de orixe francesa, procede do ámbito militar, e pode que llo debamos ao mesmo Napoleón, xa que contan que estaba interesado en volver ter dispoñibles canto antes os soldados feridos na batalla, para o cal había dous aspectos claves: axilizar o seu traslado e seleccionar os casos con prognóstico favorable. Para isto último, fixo adestrar o persoal médico especialmente na identificación das lesións, co que puxo en marcha a práctica do que pasou a denominarse triaxe.
A voz francesa triage deriva do verbo trier, que significa ‘escoller ou separar do resto, persoas ou cousas’ e é común a outras linguas como o catalán, onde triar se aplica de xeito semellante. En canto á súa orixe, non está clara a súa procedencia, xa que, malia aceptarse en xeral que se formou a partir do verbo latino terere (cos valores de ‘mallar’ ou ‘debullar’, entre outros), non todos os estudos concordan nesta proposta, por cuestións fonéticas e de significado.
A voz triaxe desenvolveu un uso, que aínda se mantén, no eido agrícola, con ese sentido de ‘selección, escolla ou cribado’ particularmente na actividade das explotacións de tipo industrial, onde o interesante é que a materia prima sexa o máis uniforme posible para axustarse á cadea de produción. Mais a maior popularización do termo triaxe entre nós dáse nos medios hospitalarios, onde a extensión do seu uso veu parella á fixación dun protocolo internacional con códigos compartidos -como as cores que indican a gravidade do doente-, uns criterios comúns de clasificación e tamén uns tempos máximos de espera para cada nivel, así resulta especialmente útil cando os servizos sanitarios deben atender unha gran cantidade de persoas.