
Desde que comezou a crise mundial provocando que algúns estados europeos entrassen en recesión, incrementasen a súa débeda externa e se visen obrigados a solicitar un rescate, apareceu anovado un vello termo asociado ás institucións que dirixen ese proceso de rescate: a troica.
A troica á que nos referimos está formada por tres entidades, a Comisión Europea, o Banco Central Europeo (BCE) e o Fondo Monetario Internacional (FMI). É o comité que avaliará as contas reais de cada un dos estados rescatados para definir as necesidades de financiamento do país. É dicir, a troica será a responsable de toda a acción dirixida a reestruturar economicamente eses países.
Troica (do ruso: тройка) é unha palabra que designaba un comité de tres membros. Na súa orixe o termo tiña outro significado: carro conducido por tres cabalos, ou máis frecuentemente, unha especie de zorra puxada por cabalos. Historicamente, en política, a palabra troica designa unha alianza de tres personaxes do mesmo nivel e poder, que se constitúen nunha dirección única para a xestión dunha entidade ou para completar unha misión.
Nos estados socialistas, a palabra foi usada para nomear as tres persoas que dirixían o país: o xefe de estado, o do goberno e o líder do partido.