
Non hai moito o responsable dunha coñecida multinacional de comida rápida sentenciaba que o tupper era un bo termómetro de como vai o país: xa rematadas as vacacións, a máis ca axustada economía da maioría fai que se impoña o costume de levar ao traballo ou á escola a comida preparada da casa.
A única palabra recollida no DRAG para designar o recipiente con tapa hermética onde se leva comida cociñada é a autóctona friameira. Con todo, non é posible negar que a opción maioritariamente usada polos falantes é tupper, malia que os representantes legais da empresa Tupperware disque teiman en tentar impedir que a súa marca rexistrada se empregue como palabra de uso común. Ao non estar sancionada unha alternativa morfoloxicamente adaptada para o galego, a forma empregada polos falantes varía: ben ‘táper’, fiel á pronuncia orixinaria do apelido de Earl Silas Tupper, o estadounidense fundador da compañía que comercializa os recipientes plásticos orixinais; ben ‘túper’, facendo unha reinterpretación consonte as normas fonolóxicas do galego da grafía inglesa. Tampouco non é díficil escoitar entre a xente as variantes desenvolvidas ‘tápergüer’, ‘túpergüare’ ou mesmo ‘tópergüere’, e outras semellantes.