turreiro

Fonte: RAG

—Costureriña bonita,
Inda agora reparei
onde perdiche o dedal?
quen andaba no turreiro:
—No turreiro da Peneda,
 and’o caravel i a rosa
onde me fun pasear.
and’o ramalliño enteiro
Xaquín Lorenzo: Cantigueiro popular 
da Limia Baixa, 1973
Consello da Cultura Galega: Agora vou
cantar eu, 2025

Nós somos moito de xuntármonos, de laretar, de andarmos aos contos e de amañar o mundo mentres botamos a partida. Deste xeito, ata hai nada, era habitual que se formasen xuntanzas espontáneas para axudar nas tarefas agrícolas que precisaban da concorrencia de varias persoas, como as fiadas, as espadelas ou a esfolla. Pero tamén se organizaban reunións ao cerrado do día para teren algo de diversión, variando a súa denominación dunhas zonas a outras: a ruada, a foliada, o serán, a pandeirada etc.

En que lugares se levaban a cabo estas festas? Pois depende… as muiñadas eran, loxicamente, no muíño. As fiadas, que se facían no inverno, buscaban un lugar ao abrigo do frío, e nalgunhas casas había o fiadeiro, “unha dependencia da casa habilitada para fiar”. Mais os veciños e veciñas tamén podían troulear nun espazo público. O turreiro é un deses lugares habilitados nas aldeas galegas como sitio de encontro, que acabou sendo onde se facían as festas patronais, o campo da festa. A voz turreiro é definida por Eladio Rodríguez como ‘un espazo de terreo, xeralmente chan e desprovisto de herba e de árbores, onde se celebran os bailes’. E con este significado emprégase en numerosas coplas que as nosas cantareiras nos transmitiron.

Na actualidade, o DRAG define a voz terreiro como o “espazo amplo de terra situado no centro de certas aldeas”. Trátase dun vocábulo que se forma engadindo o sufixo -eiro á palabra “terra”. A maiores da forma documentada no dicionario, na fala aparecen outras dúas variantes, as que vimos representadas nas cantigas, torreiro e turreiro que son produto de senllas disimilacións vocálicas. Por outra banda, en canto ao significado, a voz garda relación con eirado, definida como “pequena praza entre as casas da aldea” que se forma sobre eira, voz que ten a súa orixe na latina area(m) ‘terreo’. Tamén as voces rueiro e quinteiro posúen entre as súas acepcións unha que corresponde a “especie de praza ou terreo común que serve nunha aldea de lugar de reunión”. A primeira toma como base de derivación o substantivo rúa, que vén do latín vulgar rugam ‘camiño’, e a segunda bebe da voz latina quintarium ‘que contén cinco centurias de terra’.

Outros vocábulos que empregamos para designar un “espazo amplo e descuberto dentro dunha poboación”, pero nunha vila ou cidade, son praza, procedente do latín vulgar *plattĕa, e este do clásico. platĕa, que bebe do grego plateîa ‘rúa ancha’; glorieta, a “praza, xeralmente con árbores ou plantas, na que desembocan varias rúas”, que foi tomada do francés gloriette. Próximos semanticamete tamén están os cultismos ágora e foro, o primeiro de orixe grega e o segundo latina. Cómpre salientar, pola alta presenza de uso que presenta no Cancioneiro da poesía oral, o vocábulo adro ou adral (terreo, xeralmente cercado, que adoitan ter as igrexas ao seu redor ou ben diante delas), que non designa unha praza propiamente dita, mais que actuaba como un lugar de encontro e socialización cando a sociedade galega era maioritariamente practicante.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir