Achegámonos de novo a Luísa Villalta antes de finalizar o ano dedicado á súa obra. Sen dúbida ningunha foi unha salientable escritora, que nos deixou asisadas obras de investigación dedicadas á música, ao teatro e á poesía; a calidade dos seus escritos literarios é incuestionable; e os artigos xornalísticos destacan pola súa audacia na defensa da xustiza social.
Da lectura dos seus textos podemos adiviñar arelas que, por veces, podían semellar utópicas. Reclamaba a liberdade de expresión e de pensamento. Reivindicaba un ensino público para todas e todos. Valorizaba termos un país e unha lingua propia. Avogaba pola protección do medio natural e condenaba as continuas agresións ao que está sometido en nome do progreso. Como era emoción e compromiso asemade, isto levouna a participar en numerosos actos públicos en defensa da lingua galega; nas mobilizacións contra o conflito palestino-israelí, contra a guerra de Iraq e o afundimento do Prestige, e sempre se amosou solidaria coas vítimas de todas violencias.
Ela cobizaba unha Galicia xusta e igualitaria semellante a aquela illa da Utopía que describiu Thomas More. A voz utopía rexistrada no Dicionario como “Idea, proxecto etc., que se considera moi bo pero irrealizable”, ten a súa orixe no topónimo Utopía que aparece no título da obra de Thomas More de 1516. O autor describía nela unha illa imaxinaria cun sistema político, social e legal perfecto. O nome de lugar foi creado polo propio More desde o grego ou -‘non’, tópos ‘lugar’ e o latín -ia, ‘o non lugar’ ou ‘o lugar que non existe’. A partir desta obra comezaron aparecer outras utopías literarias: Cidade do Sol de Campanella (1602), As viaxes de Gulliver de Jonathan Swift (1726) ou Cándido ou o optimismo de Voltaire (1759), onde se describen lugares con sociedades e gobernos ideais, mais non reais.
Posteriormente, as diferentes linguas románicas acolleron nos seus dicionarios o termo utopía para sinalar a ‘idea do que se considera bo pero imposible’. Baixo a forma utopie en francés, utopia en inglés, catalán, portugués e italiano. Unha voz que se relaciona coa anterior é quimera definida como a “Idea que un forma de algo ou cousa que un imaxina como posible pero que non ten relación coa realidade”. A palabra procede tamén do grego khímaira, ‘animal fabuloso’. Na mitoloxía era un monstro con cabeza de león, corpo de cabra, e rabo de dragón, que lanzaba lume e que se consideraba coma invencible polos mortais. Esta circunstancia é a que nos leva á significación actual.
Vinte anos despois do pasamento de Villalta a súa obra e inquedanzas continúan a resultar modernas (relativa ou pertencente ao momento actual, no que vivimos agora). Defrauda que dúas décadas máis tarde as súas reivindicacións e coitas sigan de actualidade (que ten moito interese no momento actual), mais, coma ela, continuamos a tentar converter a nosa terra naquela Utopía.