vacina

Foto: Vaca rubia galega en Vilarromarís, Oroso por Luis Miguel Bugallo Sánchez. Wikicommons

Logo de tempos duros, con tanta incerteza e cheos de temores, albíscase unha raiola de esperanza en forma de prototipos de vacinas nas últimas fases de investigación e con resultados prometedores. Aínda que non garante que se retorne ao de antes, si é o comezo para retomar unha vida con precaucións, pero con máis tranquilidade.

A palabra vacina é un termo médico que xorde a finais do século XVIII e deriva do latín científico variola vaccina que significaba ‘varíola das vacas’. E que pintan as vacas en todo isto? Pois moito. O investigador Edward Jenner, un británico que viviu a época na que a varíola era unha enfermidade mortal e epidémica, observou que as leiteiras eran inmunes á doenza e deduciu que se debían inmunizar cando muxían as vacas polo contacto coas bochas de pus que estas tiñan nos ubres por mor dunha enfermidade similar (pero menos virulenta) que padecían, a varíola bovina. Así que decidiu experimentar cun neno inoculándolle a variola vaccina e comprobou que sufría unhas molestias e algo de febre, pero non se contaxiaba da variedade humana. Malia as reticencias dos seus colegas galenos, Edward Jenner publicou en 1798 as súas conclusións, sendo así o primeiro inmunólogo recoñecido como tal.

A partir de 1846 xa se documenta o uso do termo en latín vaccina ou en inglés vaccine para designar o produto que se inoculaba procedente das vacas enfermas. Logo o uso do procedemento probouse con outras enfermidades, e aí Pasteur xogou tamén un papel importante na loita contra a rabia. En diante, o termo e a técnica xeneralizáronse para combater outras enfermidades.

Sobre a palabra vacina créase todo unha familia léxica: vacinar, vacinoterapia e vacinación, que significa “acción de vacinar ou vacinarse”. Unha das primeiras campañas sanitarias internacionais de vacinación foi a Real Expedición Filantrópica, iniciativa que tiña como obxectivo que a vacina da varíola chegase a toda a poboación de América, Filipinas e as illas do Pacífico dependentes da coroa española, porque o mortalidade causada por esta doenza era moi elevada, sobre todo, na infancia. Así que o 30 de novembro de 1803 parte desde o porto da Coruña a corveta María Pita. Nela embarcaron 21 nenos, 16 deles galegos, custodiados por Isabel Zendal, orixinaria de Ordes, reitora do orfanato da Coruña e enfermeira, a primeira en misión internacional segundo a OMS. Grazas a ela e aos nenos que coidaba, que eran os portadores vivos da vacina da varíola inoculada nos seus corpos, foise quen de comezar a erradicar unha das doenzas máis mortais e incapacitantes ata hai nada.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir