viaxeira

Ler é viaxar no tempo e na xeografía; no interior da mente humana ou nas circunstancias que rodean a ese ser. Viaxar, no entanto, é ler o mundo sen intermediarios; sendo a protagonista da lectura. Viaxar é ler o país, a xente, os sabores os aromas e as cores dos lugares que visito. Este é un pequeno fragmento dun artigo asinado por Begoña Caamaño, publicado extractado primeiro en Letras nómades. Experiencias da mobilidade feminina na literatura galega (Frank & Timme, 2014), e de xeito íntegro en Grial, número 204, en 2014. Neste texto a autora é quen de nos definir, de xeito moi fermoso, dúas das súas paixóns: ler e viaxar.

Esa necesidade propia de ler o mundo levouna a Cuba, Senegal e outros territorios tropicais. Eses percorridos estaban moi lonxe das prototípicas visitas contratadas nunha axencia de viaxes, ela quería descubrir outras formas de habitar no mundo, outras músicas —literal e metaforicamente— que ampliasen as súas vivencias. Begoña Caamaño non facía turismo, ela acudía a eses territorios dun xeito militante e consciente. Non procuraba a evasión e a diversión banal, máis ben buscaba enchouparse da cultura autóctona e do seu xeito de vivir para poder entender a diversidade sen as imposicións da sociedade europea occidental.

Polo dito ata agora unha voz que a pode describir é viaxeira. Trátase dun substantivo que o DRAG define como “persoa que fai unha viaxe, especialmente cando esta é longa”, este mesmo vocábulo, como adxectivo, aplícase á persoa “que lle gusta viaxar” e tamén á “persoa afeccionada a viaxar”. Estamos ante unha voz derivada de viaxe, que procede do catalán viatge, de significado semellante, palabra orixinaria do latín viatĭcum ‘o necesario para unha viaxe’ e que nós conservamos como o cultismo viático cos significados “provisión para realizar unha viaxe” e “cantidade que se paga para gastos de viaxe”.

Ás veces, a descuberta doutros lugares e das xentes que os habitan faise dun modo espontáneo, sen moita planificación. Os e as afortunadas que o poden levar a cabo son denominados corremundos, apelativo que se lle aplica, se nos guiamos polo Dicionario, á “persoa á que lle gusta ir polo mundo, dun lugar para outro, sen un fin determinado”, pero o DRAG tamén lle outorga unha segunda acepción, máis xenérica, a “persoa que viaxa moito”. Trátase dunha voz produto da amálgama dunha forma conxugada do verbo correr e o substantivo mundo na acepción “o planeta Terra”. Nun principio, os e as corremundos eran persoas admiradas, pero que tamén producían certa desconfianza. Eran consideradas valentes e libres, pero pasando por riba das convencións sociais e iso resultaba sospeitoso. Mentres que os mercadores e os peregrinos e peregrinas viaxaban e corrían perigos cun propósito, os corremundos e exploradores movíanse impulsados por coñecer o ignoto.

Outro tipo, ben diferente, de viaxeiros e viaxeiras son todos aqueles individuos obrigados a viaxar contra a súa vontade por motivos diversos, ben económicos ou ben políticos, e a abandonar o seu país. Trátase dos e das exiliadas, os e as migrantes e tamén os e as refuxiadas. Todos e todas elas serían un motivo de inquedanza para Begoña Caamaño e tema principal dos seus textos xornalísticos, porque ela denunciaba e participaba activamente nas mobilizacións contra as desigualdades sociais e os abusos de poder.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir