
Violencia de xénero é a adaptación para a nosa lingua da expresión inglesa gender-based violence, difundida tras o Congreso da Muller celebrado en Beijing en 2005, baixo a protección da ONU. A escolla desta expresión e non outra constitúe un exemplo claro das implicacións políticas que adoito teñen as decisións léxicas: a violencia contra as mulleres é unha cuestión de xénero, isto é, a consecuencia e o síntoma espantoso dunha sociedade non igualitaria, e discriminatoria. Ese sentido específico obsérvase desde o auxe dos estudos feministas a partir dos 70, cando no ámbito anglosaxón se xeneraliza o emprego de gender como categoría sociocultural, e que se introduce na nosa lingua en colocacións tan frecuentes como estudos de xénero, discriminación de xénero ou a mesma violencia de xénero.
Historicamente, este sentido da palabra xénero é descoñecido para as linguas románicas en xeral e a nosa en particular. As obras lexicográficas dan conta de catro acepcións descritas para esta palabra, que son as que recolle o DRAG na súa edición actual: o xénero defínese como unha categoría xeral para referir un conxunto con características comúns, un tipo. Para alén disto: en literatura, é a clase de obra segundo o contido, a forma ou o estilo; en bioloxía, a categoría taxonómica a medio camiño entre a familia e a especie; en gramática, o trazo que marca a oposición masculino/ feminino na palabras con flexión (substantivos, pronomes, adxectivos e determinantes). O xénero é, xa que logo, cousa ben distinta do sexo, o conxunto de características orgánicas que permiten distinguir un individuo macho dun individuo femia. E este é o argumento principal de quen refusan denominar violencia de xénero a que exercen os homes sobre as mulleres para sometelas só polo feito de selo.
Outras alternativas tampouco non están libres de réplica: violencia doméstica ou familiar non contempla a que se dá en parellas sen convivencia. Con violencia de parella parece inevitable unha perigosísima asociación co ámbito do privado, cando o ineludible é a visibilización e a denuncia. Se ben é certo que as parellas non teñen de ser heterosexuais, violencia machista ou sexista contan coa preciosa vantaxe de non obviar que quen maltrata non respecta a igualdade de dereitos entre o home e a muller e que practica a máis brutal forma de discriminación en función do sexo. O mesmo que tampouco non deixa lugar á ambigüidade a denominación máis descritiva de violencia contra a muller (violence against women), que é ademais a escollida pola ONU para a súa Declaración Universal, presentada en decembro de 1993.
A frecuencia de uso é o outro criterio de escolla e esta varía significativamente entre nós coa proclamación polo Parlamento español da Lei Orgánica Integral contra a Violencia de Xénero: antes de 2005, violencia doméstica era a denominación máis empregada e a partir dese ano violencia de xénero pasa a ser a forma máis habitual, cando menos na escrita. Violencia contra a muller é a terceira opción máis utilizada segundo os datos que fornece o CORGA, aínda que en proporción sensiblemente menor ca as dúas anteriores. Tendo en conta o dito, as mulleres e os homes deciden.