
As redes sociais ocupan arestora unha gran parte da nosa vida en internet: noticias e vídeos que se comparten, mensaxes, comentarios, convocatorias… A inmediatez e as posibilidades de interacción directa das persoas en rede, as plataformas adaptadas á telefonía móbil, a mellora nos largos de banda e a lixeireza dos últimos formatos audiovisuais permiten que calquera poida compartir información do que pensa ou do que nos arrodea e que esta poida chegar a un número determinado de persoas que a propagan para facela chegar a moitas máis. É este tipo de espallamento en rede, multiplicativo e, sobre todo veloz, ao que se denomina viral. Así, fálase dun fenómeno viral, de mercadotecnia viral ou de vídeos virais. O adxectivo viral comezou a utilizarse con este sentido contra 1990 e, ao igual que vírico, viroso ou virulento, procede de palabra latina virus. Inicialmente facía referencia a un veleno ou unha substancia nociva e daniña e reutilizouse para a ciencia xa por 1728, aínda que a existencia dos virus non se demostrase ata arredor de 1892.
A clasificación científica sitúa os virus no límite das formas de vida: é certo que se reproducen (en realidade multiplícanse), pero non medran nin precisan alimentarse coma os outros seres vivos. Os virus son a causa dalgunhas das enfermidades (viroses) máis comúns (como o arrefriado) ou erradicadas (o que lle pasou á varíola) que sofren os seres humanos.
A reprodución característica dos virus deu lugar a outro sentido non médico, anterior ao das redes sociais: úsase para programas que infectan fontes de datos (como ordenadores) e que se reproducen (transmiten) axiña. Trátase dos famosos troianos e vermes. A difusión do correo electrónico e de internet permitiu que os computadores se contaxiasen rapidamente entre si, o cal favoreceu o nacemento e desenvolvemento dos programas antivirus.