Nos ciclos formativos de Peiteado e estética capilar é habitual que se aprenda unha ‘técnica que parte de facer un estudo exhaustivo do rostro para saber o tipo de corte de pelo e de cor máis favorecedor’. Este método, chamado visaxismo, xorde nos 90, cando o francés Claude Juillard aplicou os seus coñecementos no campo artístico (era licenciado en Belas Artes) ao ámbito do coidado do cabelo e do peiteado, créase a partir da palabra visage o vocábulo visagisme. A técnica tivo tanto éxito que comezou a aplicarse noutros ámbitos do estilismo como por exemplo a maquillaxe, fíxose moi coñecida entre as persoas dedicadas profesionalmente á estética, razón pola que o termo se adaptou a diferentes linguas, conservando sempre a base morfolóxica do galicismo orixinario.
Por pouco afeccionados que sexamos aos cosméticos, é doado lembrar varias marcas que empregan o termo visage no seu nome comercial e para a publicidade. Esta palabra francesa pode traducirse no noso idioma por rostro, face ou cara e ten a súa orixe etimolóxica no francés antigo vis, co mesmo significado, que procede do latín visus, ‘aspecto, aparencia’ ou ‘vista, acción de ver’.
Curiosamente, a forma antiga vis tamén se fixo popular entre nós na expresión vis a vis (cara a cara) sobre todo referida ao ‘encontro entre dúas persoas no que unha delas, ou as dúas, están no cárcere’, como nesta cita de Xosé A. Ballesteros Rey (Talego, 1993): “…o vis a vis, converteuse nun agasallo mensual de hora e media”. Outro uso común, e coa mesma orixe etimolóxica, é empregar vis para se referir a unha ‘faceta ou habilidade que unha persoa pode ter’, por exemplo, a vis cómica.