volapük

Para estes meses de verán, escollemos unha serie de linguas que teñen todas elas en común o feito de seren construídas, ou sexa, que non son o resultado dunha evolución histórica senón que foron creadas ben artificialmente, ben por contacto, cun fin determinado ou por unha necesidade comunicativa concreta. Cada semana, coñeceremos quen foron os seus inventores, para que as crearon ou como xurdiron e canto éxito obtiveron, ademais doutros detalles curiosos sobre elas.

 

As linguas construídas (conlangs) que eliximos son:

o esperanto, o ido, o novial, o interlingua, o volapük, o sabir, a lingua geral, o klingon e o dothraki.

O volapük

Entre 1879 e 1880, o sacerdote alemán Johann Martin Schleyer entendeu que se lle transmitira en soños o mandato divino de crear un sistema de comunicación que eliminase as barreiras entre falantes de distintas orixes e desenvolveu o seu proxecto de volapük ou lingua mundial. Schleyer tomou como base da súa creación o inglés, con ingredientes do alemán, do francés e do latín. Precisamente partiu do inglés para lle dar nome ao invento, en concreto das palabras world (vola) e speak (pük) que, como se ve, pasaban por un proceso de deformación para incorporarse ao volapük. Estas transformacións do vocabulario tomado como préstamo ou a complexidade da gramática foron dous dos argumentos utilizados polos críticos para cuestionala como lingua universal axeitada.

O alfabeto utilizado é practicamente o noso, aínda que carecía nun principio do < r > que se incorporou máis tarde, pero case podemos dicir que as semellanzas acaba aí, xa que, por exemplo, a sílaba tónica non varía, como ocorre en galego, senón que todas as palabras son agudas.

Por outra banda, utiliza un sistema de declinacións para marcar as funcións das palabras a semellanza do que ocorría no latín e as variacións que nós expresamos mediante distintas terminacións verbais, como é o caso da persoa, en volapük resólvense engadíndolle á raíz do verbo o pronome correspondente.

Gozou de certo éxito nos seus inicios, mesmo lle coubo a honra de ser a primeira lingua internacional utilizada en exclusiva nunha convención deste tipo, chegou a ter unha academia que atendía á conservación e perfeccionamento do idioma, pero as discusións entre os seguidores, xunto co nacemento doutros proxectos como o esperanto, marcaron o inicio do seu declive. Hoxe en día mantén un reducido grupo de falantes baixo a dirección dun cifal ou líder. Sirva como mostra da súa situación actual o feito de que en linguas como o danés ou o esperanto utilízase o termo volapük co sentido de cousa sen sentido ou incomprensible.

 

Sendo o seu inventor un sacerdote, a ninguén lle estrañará que tamén o Noso Pai se poida recitar en volapük:

O Fat obas, kel binol in süls,

paisaludomöz nem ola!

Kömomöd monargän ola!

Jenomöz vil olik,

äs in sül, i su tal!

Bodi obsik vädeliki givolös obes adelo!

E pardolös obes debis obsik,

äs id obs aipardobs debeles obas.

E no obis nindukolös in tendadi;

sod aidalivolös obis de bad

Noso Pai que estás no ceo:

santificado sexa o teu nome,

veña a nós o teu reino

e fágase a túa vontade

aquí na terra coma no ceo.

O noso pan de cada día dánolo hoxe;

e perdóanos as nosas ofensas

como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido;

e non nos deixes caer na tentación, mais líbranos do mal.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir