volcán

No comezo do outono de 2021, na illa de La Palma, no arquipélago das Canarias, empezouse a percibir coma o interior do planeta se remexía e emerxía toda a enerxía que se agocha no núcleo terrestre, sen poder freala. Xa se falaba na antigüidade de montañas que chuspían lume para describir, ao cabo, as erupcións volcánicas. Para explicalas, antes de que á ciencia recorreuse á mitoloxía e Apolodoro, un historiador e mitógrafo que viviu no século II a. C., contaba unha historia ben impactante sobre o pulso que botou Zeus con Tifón.

O tal Tifón era un monstro temible que pretendía dominar a terra soterrando o pai dos deuses gregos baixo o monte Etna. O lume que expulsa o volcán siciliano era na Antigüidade, para uns, os raios do propio deus e, para outros, o produto do propio Tifón, capaz de abrasar coa súa mirada, vomitar lume e provocar furacáns e tremores coas ás. Contos mitolóxicos á parte, se facemos un pouco de historia descubrimos que no ano 79 d. C. o naturalista Plinio, o Novo, describiu o estoupido do Vesubio, que provocou a morte de seu tío (Plinio, o Vello) e a destrución de Pompeia, Herculano, Oplontis e Estabia. Mais a montaña que olla Nápoles e que de cando en vez cuspe lava nunca se nomeou naquela época polo termo que nós coñecemos hoxe, volcán, senón que todas as referencias a ela son en latín Vesuvio monte.

O termo volcán é un vocábulo que emerxe séculos despois a través do portugués (vulcão), xa que os expedicionarios lusos se viron na necesidade de nomear dalgún xeito os que atoparon nos seus percorridos polas terras africanas acabadas de coñecer. Documéntase por primeira vez nos seus textos desde o século XVI. O dicionario define o volcán como o “conduto da superficie terrestre que expulsa ou expulsou materias en fusión e gases” e tamén a “elevación do terreo producida por un fenómeno volcánico”. Dinos a etimoloxía que esta palabra nos remite a Vulcano que na mitoloxía romana era o deus do lume e dos metais. Casou con Venus (a deusa do amor e da beleza). Era ferreiro e tiña o seu obradoiro no cume do monte Etna, onde se localiza un volcán. Tamén remite ao mesmo deus a denominación da ciencia, vulcanoloxía, rama da xeoloxía que se ocupa do estudo dos fenómenos volcánicos, e a dos seus especialistas, os vulcanólogos, -as. O equivalente grego era Hefesto, o fillo de Zeus e Hera, deus do lume e sobre este antropónimo formouse o cultismo hefestiorrafia que segundo o Dicionario galego de termos médicos é a “cauterización dos bordos dunha ferida coa finalidade de procurar a súa cicatrización”. Ao nome desta deidade da mitoloxía grega tamén remite o grego moderno ηφαίστειο (efaísteio), que é o termo que equivale ao noso volcán.

A forma volcán é común, coas variantes formais correspondentes, nas linguas da contorna: volcan en francés, en inglés volcano, vulcano en italiano, Vulkan en alemán e vulcão no portugués. Todos estes vocábulos cobraron, infelizmente, actualidade porque o volcán Cumbre vieja, na illa de La Palma, espertou do seu letargo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir