Weltanschauung

Levamos xa moitos meses vivindo unha situación excepcional. Desde a chegada ás nosas vidas dunha palabra que nos era totalmente allea nada volveu ser igual. Pandemia? Coronavirus? Corentena? Non! Falamos do xermanismo de máis sona do galego: Weltanschaaung. E á vista do éxito nas redes sociais e das procuras desta palabra no noso Dicionario, consideramos conveniente explicar que é e por que a recollemos como parte do noso léxico.

A palabra Weltanschauung é un termo procedente do alemán empregado no campo da filosofía e do pensamento. Aínda que se pode utilizar con matices distintos, significa o mesmo que cosmovisión; de feito, esta constrúese como un calco da palabra alemá que, como tantas outras deste idioma, está formada mediante o recurso da composición a partir de Welt (‘mundo’) + Anschauung (‘visión’). Este termo foi creado polo filósofo Wilhelm Dilthey, e estendeuse rapidamente na lingua das ciencias sociais e da filosofía. Se ben é certo que, hoxe en día, o termo cosmovisión está incomparablemente máis estendido que Weltanschauung, este gozou de bastante vitalidade dentro do galego da revista Nós, así como en obras de Vicente Risco, Ramón Piñeiro ou Domingo García-Sabell. Debido a isto, e mais ao feito de que tamén figuraba no Vocabulário da Língua Portuguesa de Rebelo Gonçalves, no seu momento Weltanschauung foi introducida no Vocabulario ortográfico da lingua galega, obra de finais do século pasado e cuxa publicación en liña se remonta ao ano 2004.

A presenza de estranxeirismos é algo habitual nos dicionarios de todas as linguas do mundo. Moitos poden caer no esquecemento, e aínda así permaneceren no dicionario, mentres que outros tardan máis en seren adoptados. No caso que nos ocupa, podemos atopar a Weltanschauung en obras de referencia tan importantes para as súas linguas como o Dicionário Houaiss da língua portuguesa ou o Trésor de la langue Française e, xa fóra das linguas románicas, no dicionario de inglés Merrian Webster.

É posible que, no día de hoxe, choque atopar unha palabra como Weltanschauung no noso dicionario; en calquera caso, é un termo que leva décadas rexistrado, e por iso foi recollido hai anos. Palabras tan frecuentes hoxe como copyright, web ou rock talvez dentro de cen anos xa non se empreguen coa mesma frecuencia. Por iso mesmo, queremos facer fincapé en que todos os dicionarios son obras incompletas en constante revisión e ampliación; o noso non é menos, así que sempre temos aberta a caixa de suxestións. E, canto máis amplo sexa o noso dicionario, maior será a nosa Weltanschauung.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir