xenocidio

Imaxe de Hosny Salah en Pixabay. Xornalista palestino en Gaza.

En 1948 a ONU redactou a Convención para a prevención e a sanción do delito de xenocidio e foi aprobada o 9 de decembro dese ano. No preámbulo desta afírmase que «en todos os períodos da historia o xenocidio supuxo grandes perdas para a humanidade» e convén que todos e todas nos unamos para «liberar a humanidade dun azoute tan odioso». Neste documento explícase que o xenocidio é un malfeito que se pode cometer tanto en tempo de guerra como nos de paz, e no artigo II da devandita convención especifícase como o delito perpetrado coa intención de destruír, total ou parcialmente, un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso. Este foi un dos primeiros tratados ao redor dos dereitos humanos que asumiu a Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa pretensión de garantir que as atrocidades que se cometeron na II Guerra Mundial non se volvesen repetir. Lamentablemente sabemos que non foi así, visto o sucedido en Ruanda ou na antiga Iugoslavia a finais do século XX; e hogano, en Palestina.

Para o DRAG a voz xenocidio é a “exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos”; e os artífices do exterminio son os xenocidas, que o Dicionario define como a “persoa que comete xenocidio” ou todo aquilo “relativo ou pertencente ao xenocidio”. O termo foi xestado polo xurista Raphael Lemkin en 1944, vítima do nazismo e acollido nos EE.UU. Como coñecedor que era do exterminio do pobo armenio (1915) e do da súa propia xente no holocausto, el pedía que determinados delitos fosen xulgados máis alá das fronteiras onde fosen cometidos. Naquela altura, se un determinado estado agredía a  súa propia poboación, considerábase un asunto interno. Lemkin ideou un vocábulo particular −xenocidio− coa unión do prefixo de orixe grega xeno- ‘pobo’ e o prefixo latino –cidio ‘matar’ para nomear a ‘destrución deliberada e planificada dun grupo de persoas pola súa orixe, relixión ou nacionalidade’. Antes desta proposta as voces empregadas noutras linguas para feitos semellantes eran, no francés, populicide (populicidio = a matanza dunha poboación) que usou Alexandre Deleyre en 1792 nas acusacións contra o rei Luís XVI; esta pasa ao alemán como Völkermeuchelnden e posteriormente ao inglés como folk-murdering (1893). O neoloxismo artellado por Lemkim foi adoptado e empregado pola ONU para tipificar o delito descrito, e adaptado polas linguas dos diferentes países membros da organización.

O Dicionario rexistra outras voces que describen a habilidade desenvolvida polo ser humano para matarnos uns aos outros: exterminio ou exterminación, a “acción e efecto de exterminar”, onde exterminar é “matar todos os individuos dunha raza, colectividade, especie etc… Este verbo relaciónase semanticamente con extinguir, definido polo Dicionario como “facer desaparecer pouco a pouco unha cousa ou un ser vivo”. Refírese tamén a ‘matar un gran número de persoas’. O dicionario tamén recolle o termo masacre, que se toma do francés massacre e matanza, e que deriva de matar. Por outra banda, aparece o cultismo hecatombe “destrución masiva de vidas”, que nos leva ao grego hekatómbē, o sacrificio de cen vítimas. Todas estas palabras teñen o cúspide en aniquilación ou aniquilamento “acción e efecto de aniquilar”, cando o que se pretende é “reducir ao nada, destruír por completo; abater física ou moralmente alguén”.

Resulta curioso que unha voz acuñada coa intención de previr o acontecido na II Guerra Mundial, describa o que está a padecer o pobo palestino en Gaza.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir